- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe no terceiro encontro virtual “FGE | Next Generation Galicia” da Fundación Galicia Europa
- Durante o encontro, unha ampla representación da Xunta de Galicia puido coñecer máis en detalle o regulamento do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) para Galicia, adoptado hai un mes
Bruxelas, 24 de marzo 2021. Durante o encontro, moderado pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, unha ampla representación da Xunta puido coñecer, da man do responsable de políticas no grupo operativo de Recuperación e Resiliencia da Comisión Europea, o galego Ángel Catalina, os detalles da posta en marcha do MRR, en vigor desde o pasado mes de febreiro. Actualmente, Catalina encárgase da negociación dos plans nacionais de recuperación de países como Dinamarca, Finlandia, Italia e Suecia.
Dotado con 672 500 millóns de euros en subvencións e préstamos destinados a impulsar unha recuperación verde, dixital, xusta e resiliente da Unión, o MRR configúrase como eixo central do Plan de Recuperación para Europa. Os Estados membros recibirán axuda deste Mecanismo en función dos seus plans nacionais de recuperación e resiliencia, cuxa versión definitiva deberá ser presentada antes de que finalice o mes de abril. España é o segundo país beneficiario da UE, ao poder optar a preto de 70.000 millóns de euros en subvencións ata o ano 2026 e case outro tanto en préstamos.
Ciclo de encontros virtuais Xunta-UE da FGE
Primeiro baixo o nome de “Galicia na recuperación económica da UE” e agora como “FGE | Next Generation Galicia”, o ciclo de encontros virtuais da FGE tratou, desde a súa posta en marcha en setembro de 2020, numerosos temas de relevancia para Galicia, como a transición verde, a Estratexia Industrial para Europa ou a futura política de cohesión 2021-2027. Nestes encontros participan responsables políticos e técnicos dos departamentos da Xunta de Galicia e da Comisión Europea. Co cambio de nome, a FGE quere subliñar o rol que está a xogar para dar apoio técnico á comisión Next Generation Galicia, creada polo Goberno galego para identificar proxectos susceptibles de ser financiados polo instrumento europeo de recuperación NextGenerationUE.