• A Fundación Galicia Europa organiza o terceiro encontro virtual do ciclo “Galicia na recuperación económica europea”

  • A reunión serviu para abordar os elementos básicos da nova xeración de fondos da política rexional que estarán dispoñibles a corto e longo prazo 

Bruxelas, 30 de setembro do 2020. Representantes de dez departamentos da Xunta de Galicia asistiron hoxe ao terceiro encontro virtual organizado pola Fundación Galicia Europa (FGE) sobre o papel de Galicia no marco da recuperación económica europea. Nesta ocasión, a FGE invitou a dous técnicos da unidade da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea para abordar a programación dos próximos fondos estruturais contemplados no Marco Financeiro Plurianual 21-27 e os recursos do novo instrumento REACT-EU 20-22, concibido para dar unha resposta inmediata á crise.

Tras a decisión sobre o orzamento comunitario tomada en xullo polos xefes de Estado e de Goberno da UE, España poderá recibir máis de 30.000 millóns de euros da política de cohesión 21-27 e uns 12.000 millóns de REACT-EU. No primeiro caso, os recursos canalizaranse a través de novos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e do Fondos Social Europeo (FSE) mentres que, no segundo, farase a través dos programas existentes 14-20, que se estenderán ata o ano 22. A normativa que regulará os novos fondos está aínda pendente de ser aprobada polos colexisladores comunitarios, así como o reparto interno dos recursos dentro de Estado. 

A reunión de hoxe serviu para intercambiar puntos de vista sobre os novos elementos que se prevén, como a simplificación dos procedementos, unha maior flexibilidade na xestión dos fondos ou a maior vinculación coas reformas recomendadas pola UE no marco do chamado “Semestre Europeo”. 

Apoio dos fondos europeos a corto, medio e longo prazo

Os relatores fixeron especial fincapé nos diferentes obxectivos dos fondos: mentres que REACT-EU se centrará na reactivación inmediata da economía, apoiando a sectores moi afectados pola crise como a sanidade, o turismo ou a cultura, os fondos 21-27 deberán apoiar estratexias a máis longo prazo en consonancia con cinco obxectivos políticos referidos a innovación, transición ecolóxica, conexión dixital, inclusión social e  desenvolvemento urbano. Pola súa parte, o novo Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia, peza central do Plan de Recuperación para Europa acordado en xullo, ten por obxectivo apoiar a inversión a medio prazo nas reformas aconselladas pola UE para sentar as bases da recuperación económica dos Estados membros.

A política de cohesión en Galicia

Galicia ten recibido máis de 20.000 millóns de euros da política de cohesión da Unión Europea dende o ingreso de España á UE en 1987. A política de cohesión ou rexional é a principal política de investimento da UE, tendo por obxectivo apoiar a creación de emprego, a competitividade empresarial, o crecemento económico, o desenvolvemento sostible e a mellora da calidade de vida dos cidadáns en todas as rexións e cidades da Unión Europea.  Para acadar estes obxectivos, a UE destina case un terzo do seu orzamento total a esta política.

Galicia na recuperación económica europea

Este encontro é o terceiro dun ciclo organizado pola FGE que ten como obxectivo achegar á administración galega as políticas europeas que guían o Plan de Recuperación para Europa e o novo marco financeiro plurianual 21-27.  Os dous primeiros encontros estiveron dedicados ao futuro Fondo de Transición Xusta e á nova estratexia industrial da UE.