- O
director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na
reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións europeo
- Os
representantes dos entes locais e rexionais debateron a situación da
inmigración cara Europa
Bruxelas, 24 de abril de 2015.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo,
participou esta mañá en Bruxelas na terceira reunión do ano da comisión de
Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do Comité
das Rexións (CdR).
O encontro comezou cos membros desta comisión mantendo
dous minutos de silencio, un pola recente traxedia no Mediterráneo e outro con
motivo do centenario do xenocidio armenio. Despois da atribución dun ditame
sobre a Iniciativa Cidadá e da presentación do informe anual sobre o respecto
ao principio de subsidiariedade en 2014, os representantes dos entes locais e
rexionais debateron a situación da política de veciñanza da UE, que tivo que
afrontar un ano de grandes desafíos e inestabilidade, con conflitos ao este e
sur de Europa.
Ademais destes asuntos, e malia non estar incluído na
orde do día, o encontro estivo fortemente marcado por un debate sobre a
migración a raíz da última traxedia acontecida no Mediterráneo. Os membros dos
entes locais e rexionais acordaron levar á sesión plenaria de xuño unha
resolución na que demandan unha nova política de inmigración integradora e
sólida. Esta resolución defende a necesidade de tomar todas as medidas
necesarias para evitar máis mortes no Mediterráneo, como un reforzo das
operacións Tritón e Poseidón con tarefas non só de vixilancia senón tamén de
salvamento, a loita contra as mafias de tráfico de persoas nos países de orixe
-sempre respectando o Dereito internacional-, un reforzamento da cooperación
con estes países e unha maior solidariedade entre os Estados membros para a
recepción e integración dos inmigrantes.
Os representantes dos entes locais e rexionais apoiaron
as conclusións do cumio de xefes de Estado celebrado onte en Bruxelas en
materia de inmigración e destacaron a presión que sofren as rexións e as
cidades, que son as afectadas máis de preto polo custe tanto social como
político deste fluxo migratorio sen precedentes. Nesta liña, discutiuse a
elaboración dun ditame que expoña a postura do CdR en cuestións migratorias en
liña coa nova Axenda Europea de Migración que a Comisión Europea dará a coñecer
en maio e que a comisión CIVEX espera que sexa ambiciosa e eficaz.
Gamallo apuntou que “nesta dramática crise humanitaria,
Europa ten a obriga de ser eficaz. Iso implica coordinar un conxunto de medidas
que van dende a mellora das operacións Tritón e Poseidón – incluíndo apoio ás
actividades encargadas, non só de vixilancia senón tamén de salvamento -; actuar
con firmeza contra as mafias que trafican con persoas incluso nos países de
saída das embarcacións de acordo co Dereito internacional e a vontade política
plena de todos os Estados membros para poñer en marcha unha política de
inmigración integrada que dea resposta á presión migratoria e que evite a perda
de vidas humanas”.
Os representantes locais e rexionais insistiron na
importancia de fortalecer o labor da Axencia europea para a xestión das
fronteiras exteriores (FRONTEX) para garantir unha protección reforzada dos
inmigrantes e unha loita máis eficiente contra o tráfico de persoas. Nesta
liña, a comisión CIVEX defendeu a importancia de asegurar que os principios de
solidariedade e responsabilidade compartida sexan aplicados en todos os niveis
de goberno e que as entidades locais e rexionais reciban o apoio axeitado para
facer fronte á recepción e integración dos inmigrantes.
Os membros da comisión CIVEX incidiron na idea de que son
as cidades e rexións as afectadas máis de preto por estas traxedias, polo que a
súa implicación no proceso de toma de decisións en asuntos migratorios é
indispensable.
A comisión CIVEX do Comité das Rexións
O Comité das Rexións (CdR) é a asemblea consultiva na que están representados
os entes locais e rexionais da Unión Europea. Está composto por 350 membros, 21
dos cales son españois. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o
membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo
de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Neste mandato, Galicia participa nas comisións NAT e
CIVEX do CdR. A comisión CIVEX encárgase de temas como o espazo de liberdade e
xustiza, cidadanía activa, asuntos constitucionais ou a política de inmigración
e relacións exteriores. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE,
Jesús Gamallo, foi reelixido como portavoz na comisión CIVEX para este novo
mandato do CdR , que rematará en 2020.