• O conselleiro José Manuel Rey Varela, participou hoxe en Bruxelas no Consello de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores (EPSCO), que reúne aos responsables nestes ámbitos dos Estados membros
  • O responsable da área Social do Goberno galego, que representou nesta xuntanza ao resto das autonomías, defendeu a necesidade de incorporar á formación o desenvolvemento de competencias relacionadas coa autonomía persoal que faciliten o desenvolvemento de cidadáns plenamente autónomos e activos
Bruxelas, 15 de marzo de 2018. O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, avogou hoxe en Bruxelas por unha maior coordinación dos servizos sociais, educativos e de emprego co obxecto de favorecer a inclusión da xente nova máis vulnerable na transición da etapa educativa á vida laboral. O titular de Política Social, en representación das Comunidades Autónomas, participou na xuntanza do Consello da Unión Europea para a área de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores (Epsco), que reúne aos responsables ministeriais deste ámbitos de todos os estados membros.
Rey Varela interveu con motivo da adopción dunha recomendación europea sobre un Marco Europeo para unha Formación de Aprendices de Calidade e Eficaz, coa que se pretende axudar á mocidade na súa incorporación ao mercado laboral. Nesta liña, defendeu as vantaxes da formación profesional con prácticas laborais para apoiar a inclusión da xuventude e contribuír a procurarlle rutas específicas de acceso ao emprego, así como a necesidade de deseñar itinerarios individualizados que aumenten as posibilidades de integración das persoas desempregadas de longa duración.
Ademais, o conselleiro destacou a importancia de combinar os itinerarios individualizados coa formación, o que considerou especialmente adecuado para favorecer a inclusión da xente nova máis vulnerable no tránsito desde a etapa educativa á vida laboral. “Esta fórmula combinada permite perseguir un obxectivo máis integral como é a capacitación para a vida independente, na que a inserción laboral é un factor clave pero non o único”, dixo. Ao respecto, explicou que “é decisivo incorporar de maneira simultánea, xunto á capacitación laboral, o desenvolvemento de competencias relacionadas coa autonomía persoal e que faciliten que os mozos e mozas sexan cidadáns plenamente autónomos e activos”.
Por último, o responsable da área social do Goberno galego insistiu en que “os servizos sociais reforzan a eficacia dos servizos educativos e dos de emprego”, polo que aseverou que “a coordinación entre todos eles é crucial”. Neste sentido, considerou positivo a implicación dos interlocutores sociais e entidades dos terceiro sector que traballan no ámbito da inclusión para seguir avanzando na mellora da formación, a empregabilidade e a integración plena da xente nova en particular, e de persoas de máis idade que se atopan nunha situación de desemprego.
Participación de Galicia no Consello da EPSCO
Esta é a terceira vez que a Comunidade Autónoma de Galicia coordina a participación autonómica no Consello de Emprego, Política Social, Sanidade e Consumidores. Así, durante o primeiro semestre do ano, e coincidindo coa Presidencia búlgara da UE, Galicia está a participar a nivel técnico no Grupo de Asuntos Sociais e, no plano político, nas dúas reunións ministeriais previstas. A conciliación entre a vida laboral e familiar ou o desenvolvemento infantil temperá son algunhas das cuestións que se están a abordar durante este tempo.