Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Asuntos Marítimos » A Xunta avoga en Bruxelas polo establecemento dun etiquetado ecolóxico que inclúa aos produtos da pesca, da acuicultura e do marisqueo

A Xunta avoga en Bruxelas polo establecemento dun etiquetado ecolóxico que inclúa aos produtos da pesca, da acuicultura e do marisqueo

02/12/2021 | ,

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representa a Galicia nun 147º pleno do Comité Europeo das Rexións no que os seus membros tiveron ocasión de debater sobre asuntos comunitarios co presidente de Francia, Emmanuel Macron, e co comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit. 
  • Galicia propón a creación dun marco normativo e financeiro que englobe todas as actividades da economía azul e asegure a compatibilidade da acuicultura coa pesca tradicional e o marisqueo. 

Bruxelas, 2 de decembro de 2021.– O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia nun 147º pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR) no que se presentaron para a súa aprobación dúas resolucións e no que a comunidade galega presentou un total de dezanove emendas aos principais ditames a debate, dezasete delas ao ditame sobre economía azul sostible e acuicultura.

Ademais, este último pleno do ano contou coa intervención do presidente de Francia, Emmanuel Macron, quen participou nun debate cos membros do Comité acerca das liñas de actuación da futura presidencia francesa do Consello da UE para revitalizar a industria, promover solucións enerxéticas aliñadas cos obxectivos do Pacto Verde e reforzar a democracia protexendo á sociedade contra a desinformación e garantindo a liberdade dos medios de comunicación.

En canto ao ditame sobre economía azul e acuicultura, Galicia reclamou que o sistema europeo de etiquetado ecolóxico sexa replicado tamén para os produtos do mar extraídos e comercializados conforme á normativa pesqueira europea. Así mesmo, apostou pola consideración dos portos como espazos de alto valor para o desenvolvemento das estratexias de economía azul, tal e como sucede no caso da planificación Blue Growth da Autoridade Portuaria de Vigo e da Xunta de Galicia, altamente recoñecida a nivel europeo.

Finalmente, Galicia avogou polo uso da enerxía oceánica de forma compatible coas actividades preexistentes e respectuosa cos hábitats mariños. Unha compatibilidade que tamén reclamou para facer posible a coexistencia de todas as actividades enmarcadas na economía azul, como a acuicultura, a pesca e o marisqueo. Para iso, propón a creación dun marco normativo e financeiro e unha simplificación dos procedementos de autorización e de acceso limitado ás augas nas que se desenvolven estas actividades económicas, de xeito que se eliminen os obstáculos e a complexidade administrativa e se clarifique e asegure a coherencia da normativa aplicable.

Outros puntos destacados deste pleno foron a aprobación da resolución sobre o programa de traballo da Comisión Europea e as prioridades políticas do CdR para o 2022; o debate sobre a Erradicación do problema das persoas sen fogar na Unión Europea, no que participou o comisario de Emprego e Dereitos Sociais, Nicolas Schmit; e o debate sobre o Reforzamento da democracia europea no marco da Conferencia sobre o Futuro de Europa co presidente do Grupo de Alto Nivel sobre Democracia Europea do CdR, Herman Van Rompuy.

O Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da comunidade autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data