- O conselleiro de Presidencia entrevistouse hoxe con responsables da Comisión Europea e da Eurocámara
- Destaca o potencial da Agrupación de Cooperación entre ambas rexións e avoga por aproveitar esa experiencia e a súa vantaxe competitiva
- Insiste na necesidade de crear unhas axudas transitorias para as rexións que deixan de ser obxectivo converxencia, como Galicia
Bruxelas, 7 de abril 2010. O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantivo hoxe en Bruxelas un encontro con distintos responsables da Comisión Europea e da Eurocámara, aos que trasladou a aposta galega por impulsar a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia- Norte de Portugal, de tal xeito que se converta na canle para obter cofinanciamento comunitario no ámbito da cooperación territorial.
Rueda recordou que a partires do ano 2014 o escenario de distribución dos fondos comunitarios cambiará radicalmente para España e destacou que Galicia deberá reorientar a súa estratexia de captación de recursos europeos. Nesa liña, apostou pola AECT para obter cofinanciamento comunitario, singularmente no ámbito transfronteirizo e interrexional, a través de proxectos relacionados co transporte e da coxestión de servizos e proxectos coa rexión veciña.
A cuestión da cooperación transfronteiriza centrou as reunións que mantivo hoxe Rueda co director da Dirección Xeral de Política Rexional da Comisión Europea, José Palma Andrés, primeiramente; e a continuación coa eurodeputada Danuta Hübner, presidenta da Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo e que foi comisaria de Política Rexional da UE precisamente cando se creou a figura xurídica das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial.
Rueda recordou que Galicia xogará un papel clave na revisión do regulamento sobre estas agrupacións, xa que é a encargada de elaborar un ditame de iniciativa na comisión COTER sobre esta cuestión. Nese sentido, avanzou que Galicia sinalará na súa proposta varios impedimentos que non facilitaron a aparición de moitas AECT na Unión Europea, entre os que se mencionan dificultades xurídicas e a falla de financiamento europeo para estes instrumentos.
Galicia e o Norte de Portugal, pioneiras
O titular de Presidencia destacou que Galicia e o Norte de Portugal teñen sido pioneiras na posta en marcha da súa agrupación de cooperación e considerou que, dado que estiveron á cabeza da UE á hora de apostar por esta institución, deben aproveitar a súa experiencia e vantaxe competitiva para comezar a prefigurar o deseño dos novos regulamentos dos fondos comunitarios, especialmente dos Feder.
Así, segundo explicou, incrementaríanse as probabilidades futuras de obter cofinanciamento para equipamentos e servizos que poidan emprenderse de xeito conxunto, como por exemplo centros sanitarios transfronteirizos, iniciativas de capital risco, programas de valorización de residuos ou equipos de protección civil e loita contra os incendios.
Tamén con relación ao financiamento, Alfonso Rueda recordou os efectos positivos que tivo para Galicia a política de cohesión e advertiu de que o futuro da política rexional da UE constitúe un asunto de vital importancia para Galicia. Nese sentido, insistiu na petición galega de que a Comisión Europea inclúa nas súas propostas lexislativas a asignación dunha axuda transitoria para as rexións que abandonan por primeira vez o obxectivo converxencia, como será o caso de Galicia no 2013.