Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Medioambiente e clima »
A Xunta aposta por centrar os esforzos en reducir as emisións da agricultura para acadar a neutralidade climática neste sector en 2035
— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións onde se debateu sobre as estratexias rexionais de adaptación para acadar unha agricultura baixa en carbono
— No encontro NAT expuxéronse diferentes puntos de vista arredor da nova normativa que prepara a Unión Europea (UE) sobre a certificación da eliminación de carbono na agricultura, un tema moi importante para Galicia no que xa leva anos traballando
Bruxelas, 6 de outubro de 2022. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou hoxe a Galicia na reunión da comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións. Neste encontro, os membros de NAT debateron sobre as estratexias rexionais de adaptación para acadar unha agricultura baixa en carbono, un ditame de opinión que está a liderar o presidente da rexión francesa de Bretaña, Loïg Chesnais-Girard, e que reviste gran importante para Galicia.
A UE está a revisar actualmente a lexislación vixente en materia de uso do solo, cambio de uso do solo e silvicultura (LULUCF polas súas siglas en inglés) co obxectivo de que estes sectores acaden a neutralidade climática en 2035. Para iso, a UE está a reforzar os incentivos para aumentar o número de sumidoiros naturais de carbono nas terras agrícolas e para reducir as emisións destas actividades, incluídas as emisións agrícolas distintas do CO2, como as derivadas do uso de fertilizantes e do gando.
Neste debate, Galicia considera que a capacidade de fixación de CO2 da agricultura é limitada, ademais de difícil de avaliar, polo que considera máis eficaz centrar os esforzos na redución de emisións. En concreto, aposta por incrementar a eficiencia enerxética da agricultura, aumentar o uso de enerxías limpas e aplicar técnicas agronómicas de redución de emisións.
Outro dos puntos controvertidos deste debate é o modo de certificación da eliminación de carbono na agricultura. O obxectivo do regulamento que se está debater é crear sistemas estandarizados, transparentes e sostibles de absorción de CO2 por parte de agricultores, silvicultores e industrias, ademais de establecer normas que supervisen e verifiquen a autenticidade desta eliminación.
Galicia aposta por incrementar a eficiencia enerxética da agricultura, aumentar o uso de enerxías limpas e aplicar técnicas agronómicas de redución de emisións.
Galicia leva un tempo traballando para lograr unha agricultura baixa en carbono e poder alcanzar así os obxectivos antes mencionados. Estes avances e sistemas nos que vén traballando Galicia poderíanse ver afectados pola nova normativa na que está a traballar a Comisión Europea, que se basea nunha serie de criterios diferentes aos que ten adoptado Galicia seguindo marcos internacionais vixentes.
A este respecto, Jesús Gamallo sinalou tras a reunión que “Galicia apoia a proposta da Comisión de explorar novas formas de apoiar a agricultura baixa en carbono” pero advertiu que “esta nova normativa podería afectar non só a Galicia senón a outras moitas rexións europeas que xa levan tempo traballando en sistemas de certificacións conforme á regulación de organismos internacionais”.
A Xunta de Galicia solicita que, antes de marcar uns criterios definitivos, a Comisión Europea debería ter en conta as boas prácticas e a opinión de Galicia e outras rexións que xa teñen experiencia neste eido. Neste sentido, Jesús Gamallo considera que a Comisión Europea “debe facilitar a participación dos entes locais e rexionais elaborando un borrador breve, claro e conciso, que estableza as propostas esenciais para o sistema de certificación” e, engade, que este documento debe ser debatido polas entidades con competencias en materia agraria dentro de cada Estado membro.
Produtos con indicación xeográfica e seguridade alimentaria
Na reunión da comisión de Recursos Naturais tamén se aprobaron dous ditames. O primeiro deles refírese á reforma do sistema de indicacións xeográficas protexidas (IXP), que busca mellorar este sistema engadindo, no seu caso, criterios específicos de sustentabilidade e facéndoo máis equitativo entre todos os Estamos membros.
O segundo dos ditames trata sobre salvagardar a seguridade alimentaria e reforzar a resistencia do sistema alimentario. As consecuencias da guerra en Ucraína están a provocar problemas co abastecemento de alimentos e isto deberían levar a unha reflexión e redefinición da política de produción e distribución de alimentos da UE.
Ademais, no encontro deste mércores tamén se debateu sobre a creación dun espazo europeo de datos sanitarios que debería axudar a afrontar mellor as posibles crisis sanitarias. Os derradeiros temas que se discutiron na sesión de NAT foron a busca dun equilibrio entre as necesidades das comunidades locais, os empresarios e os viaxeiros en relación aos alugueres a curto prazo; e a consecución de obxectivos e instrumentos que axuden a crear unha Europa rural intelixente.
Galicia na comisión NAT do Comité Europeo das Rexións
Neste sétimo mandato do CdR que deu comezo a principios de 2020, Galicia participa na comisión de Recursos Naturais (NAT) e na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX). NAT prepara os ditames de opinión dos municipios e rexións europeas en áreas como a Política Agrícola Común, a pesca, o turismo ou a saúde pública.
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.
Máis información: Xunta de Galicia