• O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou na inauguración desta conmemoración e referiuse á Conferencia sobre o Futuro de Europa como unha oportunidade única, para que a xuventude poida participar no deseño da Unión Europea do futuro
  • Alfonso Rueda destacou o importante papel da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para contribuír a través da cooperación transfronteiriza a dar resposta aos desafíos da UE con proxectos que repercutan no benestar da cidadanía
  • O acto contou coa participación do secretario de Estado de Deporte e Xuventude de Portugal, Joâo Paulo Rebelo, e do director rexional do Instituto Portugués do Deporte e a Xuventude, Vítor Díaz
Santiago de Compostela, 10 de maio de 2021. O vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, inaugurou o evento virtual Fai oír a túa voz, organizado pola Fundación Galicia Europa (FGE) e polo Instituto Portugués de Deporte e Xuventude (IPDJ), con motivo do Día de Europa e do lanzamento da Conferencia sobre o Futuro de Europa en Galicia e na rexión Norte de Portugal.
Durante a súa intervención neste evento, que contou, ademais, coa participación do secretario de Estado de Deporte e Xuventude de Portugal, Joâo Paulo Rebelo, e do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, Rueda referiuse á conferencia como un dos principais fitos políticos do actual mandato da Comisión Europea e como unha oportunidade única, para que a xuventude poida participar no deseño da Unión Europea do futuro.
Alfonso Rueda destacou a oportunidade de que a mocidade galega poda facer chegar as súas aportacións sobre o futuro tamén da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no marco da UE e como aproveitar os fondos europeos do mecanismo Next Generation. Nesta liña, incidiu no importante papel da Eurorrexión para dar resposta aos desafíos da UE a través da cooperación transfronteiriza con proxectos singulares que repercutan no benestar dos cidadáns. Na mesma liña, lembrou que a Xunta mediante a comisión Next Generation Galicia aposta por proxectos tractores que opten aos fondos europeos baseados nos recursos autóctonos e sectores estratéxicos con capacidade para liderar a transformación económica e social.
Pola súa parte, Jesús Gamallo, animou á xuventude a participar nos debates e eventos que se celebrarán nos vindeiros meses, de cara a que a conferencia poida recoller a aportación da mocidade galega e portuguesa na súa resposta aos grandes retos do continente, como son: a cuestión demográfica, a transformación dixital e o climático. Para iso, como explicou, ata un total de doce entidades galegas e portuguesas comprometéronse, no marco da conferencia, a promover a participación e a xuntar esforzos para fortalecer os lazos que unen ambas rexións.
Tras a súa intervención, Gamallo e o director rexional do Instituto Portugués do Deporte e a Xuventude, Vítor Días, responderon a varias preguntas formuladas polos participantes e debateron con eles acerca do futuro da cooperación transfronteiriza no continente.
No peche da xornada, a directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos, agradeceu aos asistentes e representantes de ambas rexións a súa participación e instou á mocidade a “facer oír a súa voz” en Europa, a través desta conferencia na que, como asegurou, a protagonista será da cidadanía.