Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » A Xunta achégase ás prioridades da recentemente estreada Presidencia española do Consello

A Xunta achégase ás prioridades da recentemente estreada Presidencia española do Consello

05/07/2023 | , ,

— A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa inaugurou o quinto encontro do ano do ciclo «FGE | NextGeneratiOn Galicia».

— Durante a reunión expúxose a visión galega sobre algúns dos temas máis importantes da axenda europea, co desexo de contribuír ós debates que se organizarán durante a Presidencia española.

Bruxelas, 5 de xullo de 2023 – A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou o quinto encontro do ano do ciclo “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, o foro de debate mensual no que a Xunta e as institucións europeas intercambian información sobre as políticas europeas de maior repercusión para Galicia. A reunión, dedicada a abordar as prioridades da Presidencia española do Consello, contou coa intervención de Juan Francisco Hernández Alfaro, conselleiro de Política Territorial na Representación de España ante a UE.

Así mesmo, durante o encontro presentouse o informe relativo ás prioridades de Galicia ante a Presidencia española, elaborado pola FGE en colaboración con todas as Consellerías da Xunta de Galicia. Tras ser validado polo Consello da Xunta, este documento foi enviado ó Ministerio de Política Territorial en abril no marco do grupo de traballo establecido para a implicación das comunidades autónomas na preparación desta Presidencia. O informe tamén foi exposto durante a primeira reunión semestral de 2023 do padroado da Fundación Galicia Europa.

O informe relativo ás prioridades de Galicia ante a Presidencia española foi elaborado pola FGE e enviado ó Goberno español en abril.

O documento describe a acción de Galicia en 16 ámbitos clave co obxectivo de contribuír ós debates exploratorios que se organizarán no marco da Presidencia. Nalgúns casos, alúdese expresamente a expedientes lexislativos en curso de negociación co ánimo de informar sobre a posición de Galicia, sen prexuízo de que esta posición sexa trasladada polas canles habituais: institucionais (Consello, Comité Europeo das Rexións) ou informais, mediante a súa oficina de representación en Bruxelas (Fundación Galicia Europa).

 

Máis información:

Páxina web– Presidencia española do Consello

Análise FGEPrioridades de Galicia ante a Presidencia española do Consello da UE

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data