Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » A Xunta aborda coa Comisión Europea os avances climáticos de “Obxectivo 55”

A Xunta aborda coa Comisión Europea os avances climáticos de “Obxectivo 55”

31/03/2023 | , ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE inaugurou o segundo encontro do ano do ciclo “FGE | NextGeneratiOn Galicia”

— O director xeral remarcou a importancia de “Obxectivo 55” no contexto climático actual e a necesidade de reforzar as súas negociacións para acadar a súa meta de redución de emisións

Bruxelas, 31 de marzo de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo Aller, inaugurou esta mañá o segundo encontro do ano do ciclo “FGE | NextGeneratiOn Galicia”, o foro de debate mensual no que a Xunta e as institucións europeas intercambian información sobre as políticas europeas de maior repercusión para Galicia. A reunión foi moderada pola directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos Barbosa.

O director xeral apuntou a unha rápida conclusión de “Obxectivo 55”, o paquete lexislativo presentado pola Comisión Europea en xullo de 2021 para impulsar, de aquí a 2030, a redución en polo menos un 55% das emisións de gases de efecto invernadoiro con respecto aos niveis de 1990, como paso previo para acadar a neutralidade climática en 2050. Tras varios meses de negociacións, os primeiros acordos chegaban en decembro de 2022.

Pola súa parte, dúas representantes da Comisión Europea expuxeron as peculiaridades de dúas propostas concretas deste paquete lexislativo: o Fondo Social para o Clima, asociado a aplicación do comercio de dereitos de emisión anovos sectores, e o Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (CBAM, polas súas siglas en inglés), que igualará o prezo do carbono dos produtos nacionais e importados. Tras a súa intervención, a directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, explicou o traballo que está a realizar a Xunta de Galicia en materia climática.

Encontros virtuais entre a Comisión Europea e a Xunta de Galicia

O ciclo de encontros FGE | NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar, de forma conxunta, as políticas impulsadas desde a UE. O ciclo, organizado pola fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data