Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Enerxía » A UE trata de acoutar os prezos da enerxía

A UE trata de acoutar os prezos da enerxía

25/10/2021 |

Bruxelas, a 23 de outubro de 2021- Xa sexa a nivel global ou europeo, o mercado enerxético está experimentando unha subida dramática dos seus prezos, derivada da crecente demanda mundial de enerxía en xeral, e de gas en particular, vinculada á recuperación económica. Na UE, esta cuestión está sendo analizada tanto pola Comisión Europea, que recentemente adoptaba unha Comunicación para facer fronte ó impacto das subidas temporais de prezos, como polos xefes de Estado e Goberno, que no Consello Europeo de outubro reafirmaron o seu compromiso co establecemento de medidas a longo prazo que “contribúan a dispoñer de enerxía a un prezo accesible para os fogares e as empresas, aumenten a resiliencia do sistema enerxético da UE, proporcionen seguridade de subministración e apoien a transición cara a neutralidade climática

CONTEXTO

Factores que condicionan a subida dos prezos da enerxía

  • Principalmente, o aumento actual do prezo da electricidade debese ó aumento da demanda mundial de gas a medida que se acelera a recuperación económica, o que non está sendo acompañado dun aumento da oferta.
  • A UE é fortemente dependente das importacións de enerxía, o que expón a súa economía ás flutuacións no prezo dos combustibles fósiles, que se comercializan nos mercados mundiais. Os prezos do gas están aumentando a escala mundial, pero de maneira máis significativa nos mercados rexionais importadores netos, como a UE.
  • No suposto particular da UE, ademais, os volumes de gas procedentes de Rusia foron máis baixos do previsto, o que explica en gran medida o aumento actual dos prezos da electricidade, xa que os prezos do gas natural son un determinante fundamental dos prezos da electricidade na maior parte da UE. Tamén existiron condicións meteorolóxicas estacionais (escaseza de auga e vento durante o verán) que deron lugar a unha menor produción de enerxías renovables en Europa.

Repercusións da subida de prezos

  •  As subidas de prezos afectan especialmente ós fogares en situación de pobreza enerxética e de renda baixa, porque gastan en enerxía porcentaxes significativamente máis elevados dos seus ingresos. En 2019, o 7% da poboación da UE non puido quecer axeitadamente os seus fogares e un 6% vivía en fogares con retrasos no pago de facturas de servizos básicos.
  • Uns prezos desorbitados afectan ás cadeas de subministración mundiais e europeas, con grandes repercusións na produción, o emprego e os prezos de sectores como o do transporte ou o das industrias de gran consumo de enerxía.
  • A situación actual agrava aínda máis os problemas de liquidez posteriores á crise sanitaria dalgunhas empresas, e en particular das pemes. 

ACTUACIÓNS A NIVEL EUROPEO

Comunicación da Comisión Europea para facer fronte ó aumento de prezos

O pasado 13 de outubro, a Comisión Europea adoptaba unha Comunicación para tomar e apoiar as medidas precisas destinadas a mitigar o impacto das subidas temporais dos prezos da enerxía.Tal e como sinala a Comisión Europea, os Estados membros poden actuar e xa están adoptando unha serie de medidas relacionadas coa fiscalidade, as axudas directas á renda e outras medidas especificas e limitadas no tempo para aliviar a curto prazo os problemas xerados polo aumento de prezos. A nivel da UE, poden adoptarse a medio prazo unha serie de medidas adicionais sobre almacenamento ou integración do mercado “para garantir uns mercados da enerxía máis resilientes e mellor preparados para os retos da transición”

 

ACCIÓNS

 

ESTADOS MEMBROS

 

COMISIÓN EUROPEA

MEDIDAS INMEDIATAS

 

AXUDAS DE EMERXENCIA

 

 

•Poden ofrecer medidas de compensación limitadas no tempo e apoio directo ós usuarios finais en situación de pobreza enerxética (v.g. mediante vales ou cubrindo parte da factura enerxética, financiados con ingresos do ETS, entre outras fontes)

•Poden establecer ou manter salvagardas para evitar desconexións da rede enerxética ou aprazar pagos temporalmente, cando os consumidores afronten dificultades a curto prazo para pagar as facturas.

 

FISCALIDADE

 

•Poden reducir os tipos impositivos para as poboacións vulnerables de maneira específica e limitada no tempo.

•Os Estados membros nos que os gravames polas subvencións á produción de enerxías renovables representan unha parte significativa do prezo polo miúdo da electricidade, poden considerar a posibilidade de financiar tales políticas con ingresos públicos distintos das facturas da electricidade.

 

AXUDAS DE ESTADO

 

•As medidas de carácter xeral que axudan a todos os consumidores de enerxía (v.g. tipo reducido para a subministración de electricidade) non constitúen axudas de Estado. Porén, na medida en que as intervencións nacionais se consideren axudas (a empresas ou a industrias) deberán respectar sempre o marco europeo de axudas estatais. 

•Poden facilitar un maior acceso ós contratos de compra de electricidade renovable a longo prazo, que ofrecen seguridade ó produtor sobre unha determinada renda, mentres que o usuario pode beneficiarse dun prezo de electricidade estable.

 

VIXILANCIA DO MERCADO

 

•Investigará indicios de calquera posible práctica de competencia desleal no mercado da enerxía.

•Pedirá á Autoridade Europea de Valores e Mercados (ESMA) que reforce o seguimento da evolución do mercado europeo do carbono.

•Garantirá o cumprimento efectivo do Regulamento sobre a integridade e transparencia do mercado ó por maior da enerxía (RITME), xunto coas autoridades nacionais e a Axencia de Cooperación Reguladora de Enerxía (ACER)

MEDIDAS A MEDIO PRAZO

 

CAPACIDADE DE ALMACENAMENTO

 

Explorará os beneficios potenciais de deseñar unha contratación conxunta voluntaria de almacenamento de reservas de gas, en consonancia coa regulamentación do mercado da enerxía e as normas de competencia da UE. 

Propoñerá un marco regulamentario para o mercado do gas e hidróxeno a máis tardar en decembro de 2021.

Considerará unha revisión da normativa sobre seguridade de subministración para garantir un funcionamento máis eficaz do almacenamento do gas.

•A máis tardar en novembro de 2021, adoptará un regulamento polo que se establezan novos grupos rexionais transfronteirizos de risco gasista.

•Apoiará o almacenamento de enerxía tanto a curto e medio prazo (baterías) como a longo prazo (conversión de electricidade noutro produto, v.g. hidróxeno)

 

TRANSICIÓN XUSTA E APOIO AOS USUARIOS FINAIS

 

•Poderán apoiar a capacitación dos consumidores, proporcionándolles información e ofrecendo opcións sobre como poden participar no mercado da enerxía e estar mellor protexidos na cadea de subministración enerxética.

•Poderán designar un provedor de último recurso, no caso de saída do mercado ou quebra dun provedor.

Proporá, a máis tardar en decembro de 2021, unha Recomendación do Consello que proporcione orientacións ós Estados membros sobre a mellor maneira de abordar os aspectos sociais e laborais da transición ecolóxica.

 

AUMENTO DO INVESTIMENTO EN RENOVABLES E EFICIENCIA ENERXÉTICA

 

Deben:

•Acelerar as poxas de enerxías renovables e garantir a execución rápida e completa dos investimentos pertinentes no marco do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia

• Acelerar a concesión de permisos, reducindo os procedementos de autorización. 

•Impulsar a produción de equipos para as enerxías renovables. 

•Intensificar os investimentos  en eficiencia enerxética e no rendemento dos edificios.

•Publicar orientacións en 2022 sobre a aceleración dos procesos de concesión de permisos para as enerxías renovables. 

•Iniciar os traballos sobre o desenvolvemento dun código de rede para a flexibilidade da demanda a comezos de 2022. 

•Completar a revisión das Directrices sobre axudas estatais en materia de enerxía e medio ambiente.

Consello de Medio Ambiente e Consello Europeo 

A petición de España, Grecia e Polonia, o aumento dos prezos da enerxía foi debatido como AOB no Consello de Medio Ambiente celebrado o pasado 6 de outubro. No mesmo, a delegación española presentou unha nota informativa na que se resalta a necesidade de que esta cuestión sexa regulada a nivel europeo. Ademais, indicábase que:

  • A Comisión Europea debería elaborar directrices que permitan reaccionar ós Estados membros ante “as subidas dramáticas de prezos” .
  • É preciso reformar o mercado da electricidade para transferir ós consumidores os beneficios da introdución de renovables, que resultan máis baratas.
  • Deberíanse adoptar medidas para prever a especulación financeira no EU ETS.
  • Deberíase establecer unha plataforma europea centralizada para a compra de gas, facilitando a creación de reservas de gas estratéxicas. 

Previamente, os ministros de Economía e Finanzas de España, Francia, República Checa, Grecia e Romanía remitiran unha carta conxunta na que se recollen estas mesmas reivindicacións.

En consonancia coas reivindicacións españolas, unha semana despois o executivo comunitario sacaba á luz a Comunicación para facer fronte ó aumento dos prezos da enerxía, na que se sinala que  “a medio prazo, a resposta política debería centrarse en facer que a UE sexa máis eficiente no uso da enerxía, menos dependente dos combustibles fósiles e máis resistente ós picos de prezos da enerxía, proporcionando ó mesmo tempo enerxía accesible e limpa ós usuarios finais ”

Consecuentemente, este tema foi incluído na orde do día do Consello Europeo celebrado os pasados 21 e 22 de outubro, do que resultaron unhas Conclusións nas que se invita a que:

  • A Comisión Europea estude o funcionamento dos mercados do gas e da electricidade, así como o ETS, coa axuda da ESMA, para determinar se determinadas prácticas comerciais deben ser obxecto dun desenrolo regulamentario posterior.
  • A Comisión e os Estados membros leven a cabo as medidas contidas na Comunicación para facer fronte ó aumento dos prezos da enerxía, tendo en conta a situación específica de cada Estado membro.
  • A Comisión e o Consello consideren medidas a medio e longo prazo “que contribúan a dispoñer de enerxía a un prezo accesible para os fogares e as empresas, aumenten a resiliencia do sistema enerxético da UE e o mercado interior da enerxía, proporcionen seguridade de subministración e apoien a transición cara a neutralidade climática
  • O Banco Europeo de Investimentos (BEI) estudie como acelerar o investimento na transición enerxética, xa que, tal e como sinalaba a Comunicación da Comisión, a “transición cara a unha enerxía limpa é a mellor garantía contra as perturbacións dos prezos como as que afronta hoxe a UE”

Dada a importancia e urxencia da situación, os prezos da enerxía serán discutidos este martes 26 de outubro nunha sesión extraordinaria do Consello de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía así como no Consello Europeo de decembro.

MÁIS INFORMACIÓN

  • Informacións da delegación española. Consello de Medio Ambiente de 6 de outubro de 2021.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data