Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » A UE destina 500 millóns á defensa de Ucraína

A UE destina 500 millóns á defensa de Ucraína

22/03/2022 |

A Unión Europea vén de mobilizar por primeira vez o novo Fondo Europeo de Apoio á Paz para apoiar ás  forzas armadas de Ucraína, sendo tamén a primeira vez na historia que a UE subministra armas a un país terceiro.

— En total, a UE destina 500 millóns de euros para reforzar as capacidades das forzas armadas ucraínas, dos cales 450 son para o subministro de equipos letais con fines defensivos e 50 millóns para subministracións non letais como caixas de primeiros auxilios ou combustible.

— O Fondo Europeo de Apoio á Paz é un novo fondo europeo creado en 2021 co obxectivo de previr conflitos, consolidar a paz e reforzar a seguridade internacional a través do financiamento de operacións con repercusión militar ou de defensa.

 

 
Bruxelas. 22 de marzo de 2022. Hai xusto un ano, o Consello de Asuntos Exteriores adoptaba a constitución do Fondo Europeo de Apoio á Paz (FEAP), un instrumento extraorzamentario destinado a reforzar a capacidade da UE de previr conflitos, consolidar a paz e reforzar a seguridade internacional, posibilitando a financiación de operacións no marco da política exterior e de seguridade común que teñan repercusións no eido militar ou de defensa.
 
A raíz da solicitude feita por Ucraína tras a invasión rusa, os ministros de defensa da UE adoptaron o 28 de febreiro dúas medidas de asistencia con cargo ao FEAP que ascenden a un importe total de 500 millóns de euros. Consisten nun paquete de 450 millóns de euros para o subministro de equipos letais con fines defensivos e nun paquete de 50 millóns de euros para subministracións non letais, como equipos de protección persoal, caixas de primeiros auxilios e combustible ás forzas armadas ucraínas. Esta é a primeira vez na historia na que a UE subministra equipos letais a un terceiro país.
 
O obxectivo destas medidas de asistencia é contribuír a reforzar as capacidades e a resiliencia das forzas armadas ucraínas para defender a integridade territorial e a soberanía do seu país e protexer á poboación civil da agresión militar en curso.

 

Contexto

As forzas armadas ucraínas están implicadas nun conflito que dura xa sete anos e que se intensificou drasticamente en febreiro de 2022 debido a unha invasión non provocada a Ucraína por parte das forzas armadas da Federación de Rusia.
 
Dado a deterioración da situación desde principios de 2022, os Estados membros prestaron asistencia ás forzas armadas ucraínas e, o 25 de febreiro, o Goberno de Ucraína dirixiu á UE unha petición urxente de asistencia respecto da subministración de equipo militar.
 
O Consello da UE considerou que esta asistencia de subministro militar pode optar a financiamento no marco do Fondo Europeo de Apoio á Paz, que conta con 5 692 millóns de euros a prezos correntes para o período 2021-2027, cun límite anual que vai dende os 420 millóns de euros de 2021 aos 1 132 millóns de euros de 2027. Trátase dun fondo que está fóra do Marco Financeiro Plurianual e, por tanto, aliméntase coas achegas dos Estados membros, determinadas segundo unha clave de reparto baseada na renda nacional bruta.
 
O FEAP substitúe a dous instrumentos anteriores: o Athena, para  misións e operacións militares no ámbito da Política Común de Seguridade e Defensa, e o Fondo de Apoio á Paz para África, que ofrecía apoio para as operacións de paz en África. O FEAP amplía así a cobertura xeográfica e o alcance dos custos comúns, permitindo un despregamento máis rápido e unha maior flexibilidade e previsibilidade. O Consello é o órgano encargado de poñer en marcha este fondo.
 
 
Más información:

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data