- A Estratexia actualizada
reafirma as prioridades da Comunicación da Comisión Europea de marzo de 2020,
pero tamén responde as leccións aprendidas tras a crise sanitaria.
- Propóñense medidas
para reforzar a resiliencia do Mercado Único Interior, reforzar a autonomía
estratéxica da UE e acelerar as transicións verde e dixital.
- Sinálase a
necesidade de abordar as dependencias da UE en ámbitos estratéxicos clave, como
o sanitario.
Bruxelas, 12 de maio de 2021- A Comisión Europea vén de actualizar a nova Estratexia
Industrial da UE, saída á luz en marzo de 2020, para incorporar todas as
leccións aprendidas dende o comezo da crise sanitaria e reforzar a súa ambición
de impulsar a sostibilidade, a dixitalización, a resiliencia e a competitividade
da economía europea.
Esta actualización céntrase nos seguintes elementos
clave: reforzar a resiliencia do mercado único, facer fronte ás
dependencias estratéxicas de Europa e acelerar a dobre transición.
1) Mellora da resiliencia do mercado único
1.a) Os ecosistemas industriais
Na proposta orixinal da Comisión Europea de 2020,
sinalábase que “Europa tamén debe examinar detidamente as oportunidades e os
retos que se presentan ós ecosistemas industriais” Estes ecosistemas engloban
a todas as partes que operan nunha cadea de valor.
A Comisión Europea analizará sistematicamente os
distintos ecosistemas e avaliará os diferentes riscos e necesidades da
industria, para o que traballará en colaboración cun foro formado por
representantes da industria, incluídas as pemes, as grandes compañías, os
interlocutores sociais e os Estados membros. Este traballo pode poñer de
manifesto que algúns dos ecosistemas, debido á súa natureza, requiren un apoio
concreto e personalizado, que podería chegar en forma de novas regulacións ou desbloqueo
de financiamento.
O Informe anual sobre o mercado único 2021
identifica os seguintes 14 ecosistemas industriais, aínda que se poderán
identificar outros en función dos diálogos coas partes interesadas e a evolución
das realidades:
- Industria aeroespacial e defensa
- Industria agroalimentaria
- Industria da construción
- Industrias culturais e creativas
- Industria dixital
- Industria electrónica
- Industrias de gran consumo de enerxía
- Industria da enerxía e as enerxías renovables
- Sanidade
- Mobilidade, transporte e automoción
- Economía de proximidade social e seguridade civil
- Comercio polo miúdo
- Industria téxtil
- Turismo
1.b) Informe anual sobre o mercado único 2021
A primeira edición do Informe anual sobre o mercado
único expón o impacto da crise no mercado único; informa sobre os progresos
realizados fronte ás barreiras e sobre a execución das acción identificadas no
paquete de política industrial de 2020; inclúe unha análise de cada un dos 14
ecosistemas industriais e presenta un conxunto de indicadores clave de
rendemento.
Este informe mostra que o impacto da crise e as perspectivas
de recuperación varían considerablemente. Se ben a industria do turismo e as
empresas téxtiles, de mobilidade, culturais e creativas fan fronte a unha
economía máis lenta e desigual, o ecosistema dixital aumentou o seu volume de negocios
durante a crise. As empresas máis pequenas tamén seguen sendo as máis
vulnerables e preto do 60% declararon unha diminución do volume de negocios
no segundo semestre de 2020.
A pesar dos impactos desiguais e das numerosas
alteracións na produción, o transporte e a mobilidade, o mercado único amosou
unha gran resiliencia. Aínda así, as medidas postas en marcha para deter o
avance do virus (como por exemplo os controis
e os peches transfronterizos entre os Estados membros) afectaron á
libre circulación de persoas, bens, servizos e capital. Isto fixo evidente a necesidade
de reforzar a resiliencia do mercado común, especialmente en momentos de crise.
Para isto, a Comisión Europea servirase das seguintes ferramentas:
- Un Instrumento de Emerxencia do Mercado Único co que garantir unha mellor transparencia e
coordinación en situacións críticas, pois moitas das normas do Mercado Único non
están suficientemente adaptadas a crises e emerxencias. Agárdase a proposta para
o primeiro trimestre de 2022.
- InvestEU, a través dos seus diferentes produtos financeiros, para apoiar ás pemes.
- Procedementos reforzados de vixilancia do mercado
único dos produtos importados e da UE. Agárdase unha proposta no cuarto
trimestre de 2022.
2) Abordar as dependencias estratéxicas da UE
A apertura ó comercio e o investimento é unha
fortaleza e unha fonte de crecemento para a UE, como gran importador e
exportador. Porén, a crise sanitaria afectou negativamente ás cadeas de
subministración mundiais. Como se remarcou na Estratexia Industrial de 2020, a
UE precisa mellorar a súa autonomía estratéxica en ámbitos clave.
A crise fixo fincapé ademais na necesidade de fortalecer a
capacidade da UE para facer fronte ás crises e actuar segundo sexa necesario.
As interrupcións ó longo da cadea de subministración do ecosistema sanitario
causaron grandes dificultades, debido á combinación do gran aumento da demanda
e da escaseza de subministración e man de obra. Retos mais recentes, como a escaseza
de semicondutores (v.g. silicio) á que se enfronta a industria automotriz,
destacan que Europa tamén se enfronta a outras dependencias específicas.
Algunhas interrupcións tomaron a Europa por
sorpresa, o que demostra a necesidade de comprender mellor cales son as súas
dependencias estratéxicas, como se poden desenvolver no futuro e ata que punto
poden traducirse en vulnerabilidades para a UE. Estas dependencia afectan ós
intereses centrais da UE, en particular no que respecta á saúde, a seguridade e
a protección e o acceso ás tecnoloxías clave necesarias para as transicións
verde e dixital.
Coa intención de abordar as dependencias industriais e
estratéxicas, a Comisión Europea elaborou unha análise sobre 5 200 produtos importados pola UE:
- 137 produtos (que representan o 6% do valor total das
importacións de mercadorías da UE) atópanse en ecosistemas sensibles dos que
depende en gran medida a UE, principalmente
nas industrias de gran consumo de enerxía (como as materias primas) e os
ecosistemas sanitarios (como os principios activos farmacéuticos)
- 34 produtos (que representan o 0,6% do valor total das
importacións de mercadorías da UE) son potencialmente máis vulnerables, dado
que existen poucas posibilidades de substitución con produción europea. Preto de 20 produtos correspóndense con materias
primas e produtos químicos pertencentes ó ecosistema das industrias de gran
consumo de enerxía e a maioría dos produtos restantes pertencen ó ecosistema
sanitario (como os principios activos farmacéuticos e outros produtos
relacionados coa saúde) Tamén existen dependencias na area de tecnoloxías
avanzadas como a nube e a microelectrónica, predominantemente vinculadas á
estrutura do mercado global.
Ademais de presentar máis exames que analicen estas dependencias, a Comisión apoiará novas alianzas industriais en
sectores estratéxicos como o dos procesadores e semicondutores, os datos industriais,
o ponte e a nube. Así mesmo, apoiará a colaboración dos Estados membros nos proxectos
importantes de interese común europeo (IPCEI,
polas súas siglas en inglés) que contribúan ao crecemento económico, ó emprego
e á competitividade nos sectores estratéxicos para a UE.
3) Acelerar a dobre transición
Coa actualización da Estratexia Industrial, a Comisión
propón novas medidas para apoiar as transicións ecolóxica e dixital,
asegurando que todas as políticas e inversións se orienten á consecución destes obxectivos.
Entre estas medidas, atópase a creación de itinerarios de transición para os
ecosistemas que o necesiten, empezando cos do turismo e as industrias
intensivas en enerxía. Ditos itinerarios ofrecerán unha mellor comprensión
da escala, os custos ou os beneficios das accións necesarias para acometer as
transicións e elaborar plans máis factibles.
Ademais, tamén contempla proporcionar a pemes asesores
de sustentabilidade, investir na mellora das capacidades e o reciclaxe
profesional ou proporcionar un marco regulador coherente para alcanzar os obxectivos
da Década
Dixital de Europa.
Contexto
O 10 de marzo de 2020, a Comisión Europea presentou “Un
novo modelo de industria para Europa”, Comunicación coa que sentaba as
bases dunha política industrial que apoiara a dobre transición a unha economía
verde e dixital, fixera máis competitiva a industria da UE a nivel global e
reforzara a autonomía estratéxica de Europa. Para apoiar isto, destacou os
factores fundamentais da industria (innovación, competencia e un mercado único
forte e que funciones correctamente) Un día despois, a Organización Mundial da
Saúde (OMS) declaraba a pandemia da Covid-19, coas conseguintes medidas de
confinamento en peche de fronteiras por parte de moitos Estados para frear o
avance do virus.
A crise puxo de manifesto a interdependencia das
cadeas de valor mundiais e o valor dun mercado único integrado a escala
mundial. Tamén ilustrou a necesidade dunha maior velocidade na transición a un
modelo económico e social máis limpo, máis dixital e máis resiliente. Debido a
isto, a presidenta da Comisión Europea anunciou no seu discurso
sobre o estado da Unión de 2020 unha actualización do modelo de
industria para Europa.
Máis información
- Comunicación
da Comisión Europea. Un novo modelo de industria para Europa, de
10.03.2020
- Comunicación
da Comisión Europea. Actualización do novo modelo de industria de 2020:
creación dun mercado único máis sólido para a recuperación de Europa, de
05.05.2021
- Páxina
web da Estratexia industrial europea