Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Formación »A VII edición de Xuventude Mentoring abre a súa convocatoria
— Desde a súa posta en marcha máis de mil mozos e mozas puideron beneficiarse deste programa que xa conta cunha taxa de inserción laboral dun 64%
— Xuventude Mentoring está financiado polo Fondo Social Europeo e ten por obxectivo axudar á transición da mocidade á vida laboral.
Bruxelas, 15 de abril de 2025. O programa Xuventude Mentoring, organizado pola Consellería de Política Social e Xuventude xunto a Cixug e as tres universidades públicas galegas, xa ten abertas as solicitudes para a súa VII edición. O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de abril; todas as persoas interesadas poden inscribirse nesta ligazón.
Xuventude Mentoring é un programa integral de formación e mentorizaxe destinado á mocidade xa titulada, servindo de nexo entre o mundo académico e o laboral. As persoas participantes contan, en todo momento, co acompañamento dun equipo técnico de profesionais expertos en prospección e orientación para o emprego, así como dunha rede de persoas mentoras procedentes do empresariado galego que ofrecerán asesoramento e apoio aos mozos e mozas participantes.
As persoas participantes contan, en todo momento, co acompañamento dun equipo técnico de profesionais expertos en prospección e orientación para o emprego
Ademais, elabóranse actividades formativas de xeito presencial, semipresencial ou en liña, dirixidas a desenvolver habilidades e competencias clave para o futuro desenvolvemento profesional. Tamén se fomenta a asistencia a eventos e visitas a empresas destinadas a mellorar a empregabilidade e establecer unha rede de contactos.
As solicitudes están abertas para todas aquelas persoas interesadas, de entre 18 e 30 anos, que xa teñan rematado os estudos universitarios de grao/posgrao, de formación profesional de grao superior ou estudos superiores nas ensinanzas de réxime especial nunha universidade ou centro de estudos de Galicia (incluídos os estudos realizados nos centros da UNED en Galicia). É obrigatorio estar rexistrado/a e ser beneficiario/a do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil no ámbito da comunidade autónoma galega.
A Fundación Galicia Europa participa neste proxecto como mentora. O programa está financiado nun 60% polo Fondo Social Europeo, con cargo do Programa operativo de emprego xuvenil para o período 2021-2027.
Un programa cun 64% de taxa de inserción laboral
A primeira edición do programa Xuventude Mentoring tivo lugar no ano 2021. Desde entón, preto de mil persoas puideron beneficiarse desta iniciativa que xa conta cunha taxa de inserción laboral do 64%.
Máis información: Xuventude Mentoring
