Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas » A próxima xeración de recursos propios da UE

A próxima xeración de recursos propios da UE

13/01/2022 | , ,

— A UE propón introducir unha nova xeración de recursos propios coa proposta de tres novas fontes de ingresos para que contribúan ao reembolso dos fondos recadados pola Unión para facer fronte a crise da COVID. 

 

Bruxelas, 12 de xaneiro de 2022. Tal e como se previra no momento da aprobación do instrumento de recuperación europea, a Comisión Europea acaba de propoñer tres novas fontes de ingresos para o orzamento comunitario baseadas no comercio de dereitos de emisión, o futuro mecanismo da UE de axuste en fronteira por carbono e o acordo OCDE/G20 sobre a reatribución dos dereitos de imposición.

 
Prevese que estas novas fontes de ingresos xeren, a partir de 2026,  unha media de ata 17 000 millóns de euros anuais para o orzamento da UE, contribuíndo así a reembolsar os fondos recadados pola UE para financiar as subvencións outorgadas por parte de NextGenerationEU e tamén para financiar o novo Fondo Social para o Clima. 
 
 

Comercio de dereitos de emisión da UE

O paquete «Obxectivo 55» de medidas lexislativas presentado en xullo ten por obxecto reducir as emisións netas de gases de efecto invernadoiro na UE polo menos un 55% de aquí a 2030, en comparación cos niveis de 1990, para seguir avanzando cara á neutralidade climática de aquí a 2050. Entre estas medidas, unha revisión do réxime de comercio de dereitos de emisión da UE (RCDE) propón aplicar este réxime tamén ao sector marítimo, aumentar a poxa dos dereitos de emisión da aviación e establecer un novo réxime específico para os edificios e o transporte por estrada.
 
No marco do RCDE actual, a maioría dos ingresos procedentes da poxa de dereitos de emisión transfírense aos orzamentos nacionais. A Comisión propón que o 25% dos ingresos procedentes do comercio de dereitos de emisión da UE se destinen ao orzamento da Unión, estimando que os ingresos alcanzarán unha media de aproximadamente 12 000 millóns de euros anuais durante o período 2026-2030.
 
Ademais do reembolso dos fondos NextGenerationEU, estes novos ingresos financiarán o Fondo Social para o Clima, proposto en xullo, cuxo obxectivo é garantir unha transición socialmente xusta apoiando os fogares vulnerables e os usuarios do transporte afectados por un eventual aumento do prezo da enerxía e a mobilidade. A dotación financeira total do Fondo corresponde, en principio, a un importe equivalente de ao redor do 25% dos ingresos previstos do novo RCDE para os edificios e o transporte por estrada. 
 
 

Mecanismo de axuste en fronteira por carbono

O obxectivo do mecanismo de axuste en fronteira por carbono é reducir o risco de fuga de carbono, xa que anima aos produtores de países terceiros a facer que os seus procesos de produción sexan máis ecolóxicos. Neste sentido, fixa un prezo ao carbono ás importacións de bens producidos fóra da UE, correspondente ao que se pagaría se as mercadorías foran producidas dentro da UE.
A Comisión propón asignar ao orzamento da UE o 75% dos ingresos xerados por este novos mecanismos, estimados nuns 1 000 millóns de euros anuais de media durante o período 2026-2030. 
 
 

Reforma do marco internacional de imposición sobre as sociedades

En outubro de 2021, máis de 130 países membros da OCDE e o G20 acordaron unha reforma do marco fiscal internacional para facer fronte á evasión fiscal e velar por que os beneficios se graven alí onde se produce a actividade económica. Os países signatarios representan máis do 90% do PIB mundial. O primeiro piar deste acordo retribuirá aos países participantes de todo o mundo o dereito a gravar unha parte dos denominados beneficios residuais das maiores empresas multinacionais. A Comisión propón un recurso propio equivalente ao 15% da porcentaxe dos beneficios residuais das empresas incluídas no ámbito de aplicación que se retribúen aos Estados membros da UE.
 
A Comisión comprométese a propoñer unha Directiva este ano , unha vez finalizados os detalles do acordo inclusivo OCDE/G20 sobre o primeiro piar, para aplicar este acordo en consonancia cos requisitos do mercado único. Este proceso é complementario á proposta de directiva xa presentada para o segundo piar, destinado a facer fronte á elusión fiscal, Á espera da finalización do acordo, os ingresos para o orzamento da UE poderían situarse aproximadamente entre 2 500 e 4 000 millóns de euros ao ano. 
 
 

Proceso lexislativo

Co fin de integrar estes novos recursos propios no orzamento da UE, a Comisión propón modificar dous importantes instrumentos xurídicos que implica unha negociación política moi complexa. Por unha parte, a decisión actual sobre recursos propios para engadir as tres novas fontes de ingresos ás xa existentes. Por outro, o Regulamento sobre o orzamento a longo prazo da UE 21-27 (Regulamento MFP) acordado en xullo de 2020 polos líderes europeos e ratificado seis meses despois polo Parlamento Europeo con grandes dificultades. O obxectivo desta modificación é permitir empezar a reembolsar os préstamos de NextGenerationEU durante o actual MFP e aumentar os límites máximos de gasto para os anos 25-27 co fin de costear o Fondo Social para o Clima.
 
A Decisión sobre recursos propios debe ser aprobada por unanimidade no Consello, previa consulta ao Parlamento Europeo. Para entrar en vigor, esta Decisión debe ser, ademais, aprobada por todos os países da UE de conformidade cos seus requisitos constitucionais (ratificación polas cámaras lexislativas na meirande parte). Polo seu lado, o Regulamento MFP debe ser adoptado por unanimidade polo Consello, previa aprobación do Parlamento Europeo. 
 
 

Próximas etapas

A Comisión traballará cos colexisladores para impulsar a aplicación do paquete de medidas dentro dos prazos establecidos no acordo interinstitucional. Ademais, presentará un segundo conxunto de novos recursos propios para finais de 2023 baseada na proposta denominada “Empresas de Europa: marco para o imposto sobre sociedades” (BEFIT nas súas siglas en inglés). 
 
 

Contexto

Como resposta ao reto da pandemia, a UE acordou en 2020 un paquete de medidas de incentivación de máis de 2 billóns de euros, que reforzou o orzamento a longo prazo cunha capacidade de intervención de máis de 800 000 millóns de euros do instrumento temporal de recuperación NextGenerationEU. Grazas ao NextGenerationEU, a UE puido emitir bonos a gran escala apoiados polo orzamento europeo. Para axudar a reembolsar os préstamos, a UE acordou introducir novos recursos propios, co obxectivo de que os reembolsos de NextGenerationEU dean lugar a recortes indebidos nos programas da UE ou a aumentos excesivos das contribucións dos Estados membros.
 
En 2021, a Comisión recadou 71 000 millóns de euros a través de bonos a longo prazo e, actualmente, ten en circulación 20 000 millóns de euros en forma de títulos de débeda a curto prazo no marco dunha estratexia de financiamento diversificado de tipo soberano.
 
Máis información
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data