Bruxelas, 06 de outubro de 2008. Dende hoxe e ata o 9 de outubro estase a desenvolver en Bruxelas a semana europea das Rexións e as Cidades. Algunhas cifras dan unha idea do extraordinario do acontecemento: máis de 7000 participantes, 145 seminarios, 217 rexións participantes de 32 países. Trátase, en definitiva, de intercambiar coñecementos, presentar proxectos, establecer relacións con posibles socios e tomar contacto coas máis recentes orientacións da política comunitaria. A tal efecto, o denominado café dos inversores servirá de punto de encontro para expertos, representantes políticos, das empresas, banqueiros e investigadores locais e rexionais.
Galicia participará nun conglomerado de Rexións Celtas que terá como tema a loita contra os danos provocados polo cambio climático. Neste contexto organizouse un seminario que analizará o impacto das condicións climáticas extremas sobre a costa. O director xeral de desenvolvemento sostible da Xunta de Galicia, Emilio Fernández Suárez, participará no obradoiro para explicar o plan galego de acción contra o cambio climático.
Asemade o Eixo Atlántico estará presente en varios seminarios sobre cooperación transfronteriza de segunda xeración, isto é, a relativa ó desenvolvemento conxunto de servicios compartidos, esenciais para o desenvolvemento socioeconómico e mellora da calidade de vida dos territorios de fronteira tales que transportes, TICs, educación, sanidade, creación de eurocidades ou ordenación conxunta do territorio.
Libro verde de cohesión territorial
A modo de limiar ós Open Days, a comisaria de Política Rexional, Danuta Hübner, vai presentar o libro verde de cohesión territorial co que se pretende levar a cabo unha gran consulta pública sobre a política de referencia ata febreiro de 2009. O concepto de cohesión territorial fai mención do intento de favorecer o desenvolvemento económico equilibrado do conxunto dos territorios da Unión Europea independentemente da súa situación. Cómpre lembrar, asemade, que o Tratado de Lisboa introduce explicitamente a cohesión territorial como terceira dimensión da política rexional, á par das dimensións social e económica.
A preparación deste documento partiu do Consello informal celebrado en Leipzig en maio do 2007 no cal os ministros europeos adoptaron a Axenda Territorial da Unión Europea. Este libro verde presentará unha análise actualizada das disparidades verificadas no territorio europeo de cara ó debate que se iniciará en torno ó xeito no que mellor se poida manifestar a dimensión territorial nas políticas e os programas da UE. Entre os principais asuntos abordados polo documento que elaborou a Comisión destacan o crecente despoboamento das zonas rurais e a conseguinte superpoboación urbana que isto produce.