• Presentáronse á Comisión Europea un total de 24 plans de recuperación e resiliencia nacionais, entre os que se atopa o español.
  • A Comisión avaliará os plans nos próximos dous meses e, tras esta avaliación, o Consello terá, por regra xeral, catro semanas para adoptar unha decisión de execución á proposta da Comisión.
Bruxelas, 16 de xuño de 2021. A Comisión vén de propoñer un orzamento anual da UE por valor de 167 800 millóns de euros para 2022, que se complementará cuns 143 500 millóns en concepto de subvencións con cargo a NextGenerationEU. A súa capacidade combinada mobilizará investimentos considerables para impulsar a recuperación económica, a sustentabilidade e a creación de emprego. Dará prioridade ao gasto ecolóxico e dixital para que Europa se adapte ao futuro e sexa máis resiliente.
A Comisión recibiu xa 24 plans de recuperación e resiliencia, Malta, Bulgaria e Países Baixos aínda teñen que presentar os seus.
Ademais, avaliará os plans nos próximos dous meses baseándose nos once criterios establecidos no Regulamento. Esta avaliación incluirá un exame de se os plans contribúen a abordar eficazmente os retos sinalados nas recomendacións específicas por país emitidas no contexto do Semestre Europeo. A Comisión tamén avaliará se o plan dedica polo menos o 37% do gasto a investimentos e reformas que apoien os obxectivos climáticos, e o 20% á transición dixital.
Tras esta avaliación o Consello terá, por regra xeral, catro semanas para adoptar unha decisión de execución á proposta da Comisión.
Tras a aprobación da Decisión sobre recursos propios por todos os Estados membros, a Comisión pode empezar a captar recursos para financiar a recuperación con cargo a NextGenerationEU. A tal fin, a Comisión Europea anunciou as súas previsións relativas á emisión de bonos a longo prazo por valor duns 80 000 millóns de euros en 2021, que se complementarán con decenas de miles de millóns de títulos de débeda a curto prazo da UE para satisfacer as necesidades de financiamento restantes.
Este plan de financiamento baséase nunha estimación preliminar das necesidades dos Estados membros en termos de préstamos e subvencións. A Comisión actualizará o plan de financiamento en setembro. A Comisión tamén adoptou a Decisión de  empréstito anual para 2021, a cal contempla os importes máximos que a Comisión está autorizada a tomar prestados antes de que finalice o ano.
A Comisión pode agora ultimar os preparativos para a primeira emisión de NextGenerationEU, prevista para xuño e os primeiros títulos de débeda da UE emitiranse en setembro.
Plan nacional “España puede”
O Plan de Recuperación, inspirado na Axenda do Cambio, na Axenda 2030 e nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas, prevé mobilizar nos próximos tres anos o 50% dos recursos cos que podería contar España grazas ao NextGenerationEU. É dicir, este Plan guía a execución de preto de 69.500 millóns de euros entre os anos 2021 e 2023 e cumpre coas prioridades dos fondos europeos de recuperación: o investimento ”verde” e a dixitalización.
O Plan estrutúrase ao redor das catro transformacións que están no centro da estratexia de política económica: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a igualdade de xénero e a cohesión social e territorial.
Ademais, o Plan estrutúrase ao redor de dez políticas que van incidir directamente nos sectores produtivos con maior capacidade de transformación do tecido económico e social español: Axenda urbana e rural, a loita contra o despoboamento e o desenvolvemento da agricultura; o impulso as infraestruturas e os ecosistemas resilientes; a transición enerxética xusta e inclusiva; a promoción dunha administración para o século XXI que actúe como motor dos cambios tecnolóxicos; a modernización e dixitalización do ecosistema das empresas; o Pacto pola ciencia e a innovación e o reforzo do Sistema Nacional de Saúde; a educación e o coñecemento, a formación continua e o desenvolvemento de capacidades; a nova economía dos coidados e políticas de emprego; o desenvolvemento da cultura e o deporte; e unha modernización do sistema fiscal incrementando a progresividade e redistribución dos recursos para lograr un crecemento inclusivo e sostible. O plan consta de 30 compoñentes temáticos nos que se detallan as reformas e investimentos previstos, así como os hitos e metas aos que España se compromete coa UE para solicitar o desembolso das transferencias.
Contexto
O proxecto de orzamento da UE comprende gastos con cargo a NextGenerationEU, que se financiarán mediante préstamos obtidos nos mercados de capitais, e gastos cubertos polos créditos correspondentes aos límites máximos do orzamento a longo prazo, que se financian cos recursos propios. No caso destes últimos, propóñense dous importes para cada programa: créditos de compromiso e créditos de pago. Os de compromiso fan referencia ao financiamento que pode acordarse en contratos nun ano determinado; os de pago son o diñeiro realmente desembolsado. O orzamento da UE para 2022 elévase a 167 800 millóns de euros en créditos de compromiso e a 169 400 millóns en créditos de pago.
Tras a aprobación da Decisión sobre recursos propios por parte de todos os Estados membros, a Comisión pode agora empezar a captar recursos para financiar a recuperación de Europa con cargo a NextGenerationEU. Os contratos e compromisos con cargo a este instrumento poderán celebrarse ata finais de 2023, e os pagos vinculados aos  empréstitos efectuaranse ata finais de 2026.
Máis información: Comisión Europea