Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Saúde » A plataforma de teleasistencia domiciliaria do Sergas escollida pola Unión Europea como modelo de boas prácticas

A plataforma de teleasistencia domiciliaria do Sergas escollida pola Unión Europea como modelo de boas prácticas

15/02/2022 |

—A Comisión Europea incluíu o sistema Telea como unha das boas prácticas. 

— A transferencia de coñecemento deste sistema será levada a cabo polo Servizo Galego de Saúde.

— Países como Suecia, Italia e Romanía mostraron interese nesta práctica.  

 

Bruxelas, a 15 de febreiro de 2022. – A plataforma de teleasistencia domiciliaria do Servizo Galego de Saúde, para o seguimento e contacto entre pacientes crónicos e profesionais sanitarios, Telea, acaba de ser seleccionada pola Comisión Europea como unha das boas prácticas a transferir a outros países membros.

Telea foi escollida pola Comisión Europea como unha boa práctica no seo da convocatoria pública do ano 2021. Así, tras as reunións de intercambio de coñecemento e experiencias para o ámbito da atención primaria, a institución europea valorou positivamente o sistema de seguimento galego e a súa posible adaptación a outros países. Ata o de agora, trasladaron o seu interese pola plataforma Suecia, Italia e Romanía.

Neste sentido, o Sergas, a través da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e de ACIS, coordinará, asesorará e verificará, durante o próximos catro anos, os proxectos de transferencia da telemonitorización aos países da Unión Europea interesados.

 

Telea, un sistema de seguimento áxil e eficaz  

 

O sistema de telemonitorización galego leva anos optimizando a relación entre os pacientes e os profesionais do Sergas, facilitando o seguimento do seu estado de saúde, dunha maneira áxil, eficaz e sen necesidade de desprazamentos. Así, o seguimento individualizado permite unha asistencia sumamente próxima ao paciente, coa detección rápida dalgunha alteración dos parámetros rexistrados.

Desde o ano 2015, en que comezou a súa implantación, Telea leva rexistrados máis de 977.000 datos de pacientes e, na actualidade, fai seguimento diario a máis de 6.000 pacientes que padecen algunha das 16 patoloxías rexistradas nos perfís de Telea.

Ademais, o sistema de teleasistencia domiciliaria xogou un papel fundamental durante a xestión da pandemia provocada pola COVID-19 pois, a estes 6.000 pacientes, tamén se engaden os casos activos e os seus contactos estreitos, aos que se lles oferta unha canle electrónica de comunicación.

Telea ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida dos enfermos a través dun seguimento estreito, encamiñado a detectar con axilidade descompensacións nos indicadores de saúde.

En xuño de 2021, o Sergas presentou o sistema de telemonitorización galego nun foro virtual organizado pola Comisión Europea.

Máis información:  Xunta de Galicia

 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas