Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » A nova web da Fundación Galicia Europa reforza a información sobre a FGE e axuda a explicar a participación de Galicia nos asuntos comunitarios

A nova web da Fundación Galicia Europa reforza a información sobre a FGE e axuda a explicar a participación de Galicia nos asuntos comunitarios

10/08/2022 |

— O novo portal, más intuitivo e visual, conta con seccións renovadas que permiten explicar mellor a actividade da FGE e aborda as políticas europeas desde un punto de vista galego.

— A nova web conta con novos apartados como o de ‘Análise FGE’ ou o de ‘Axenda’, recolle a información dos boletíns mensuais e un apartado de actualidade máis integrado.

Bruxelas, 10 de agosto de 2022 – A Fundación Galicia Europa vén de renovar a súa páxina web cun novo deseño máis atractivo e novas seccións co obxectivo de ofrecer unha mellor información sobre a actividade que realiza a entidade, así como sobre a participación de Galicia nos asuntos comunitarios. O novo portal recolle moita da información que xa estaba recollida na anterior páxina web pero achegando certas melloras e novidades.

Froito dos seus máis de 30 anos de experiencia na capital comunitaria, a Fundación Galicia Europa pretende explicar a través desta nova web a actividade da UE dende un punto de vista galego, especialmente as novas iniciativas lexislativas e políticas que propón a Comisión Europea e que poden ter nun futuro un maior impacto na comunidade autónoma. Este coñecemento das propostas europeas é esencial para que os distintos axentes galegos se impliquen na defensa dos seus intereses perante a UE.

A web da FGE tamén dá a coñecer as diferentes canles utilizadas para a defensa dos intereses de Galicia na UE: dende a participación no Comité Europeo das Rexións ou o Consello ata as visitas institucionais, pasando pola participación en redes de cooperación rexional ou en foros de ámbito europeo. Así, o novo portal conta cun apartado de actualidade máis integrado no que se recollen catro tipos de noticias: Unión Europea, Galicia na UE, Actividades FGE e EuroXuventude, a canle dirixida á xente nova galega.

A nova web conta cun apartado de actualidade máis integrado no que se recollen catro tipos de noticias: Unión Europea, Galicia na UE, Actividades FGE e EuroXuventude.

Ademais aparecen seccións novas como ‘Análise FGE’, un apartado con informes sobre os temas máis importantes a debate na UE dende unha perspectiva galega, ou ‘Axenda’, que compila os actos pasados e futuros sobre a participación galega nos asuntos comunitarios así como os grandes eventos de ámbito europeo.

Outra nova sección recolle todos os boletíns mensuais da FGE, que fan unha escolma das novas, eventos, consultas públicas e convocatorias de financiamento máis relevantes dende o punto de vista galego. A web continúa cunha sección específica sobre as posibilidades de financiamento comunitario, na que se pode consultar a nova Guía 2021-2027 que dá unha visión xeral das distintas fontes dispoñibles así como recomendacións sobre como acceder a elas.

Máis información: Xunta de Galicia

 
 
 
 
 
 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data