Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »A Fundación Galicia Europa renova a súa colaboración co Festival EmigraSON
— A iniciativa, impulsada por mozos galegos que viven en Bélxica, celebrará a súa terceira edición o vindeiro 22 de febreiro con Tanxugueiras e Fillas de Cassandra como cabezas de cartel
— A FGE colaborou no acto de presentación desta cita na embaixada de España na capital belga, ao que asistiu a directora da oficina de Bruxelas, Ana Ramos
Bruxelas, 3 de decembro de 2024. A Fundación Galicia Europa (FGE) aposta por renovar a súa colaboración co Festival EmigraSON, a iniciativa dun grupo de mozos galegos que viven en Bélxica agrupados nunha asociación sen ánimo de lucro. Por terceira edición consecutiva, este evento traerá ata a capital comunitaria o mellor do panorama musical actual galego. Este ano, o cartel está composto por Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, Terbutalina e De Ninghures. Máis da metade das entradas, que poden mercarse na web da sala La Madeleine, xa están vendidas.
A directora da oficina da FGE en Bruxelas, Ana Ramos, asistiu onte á presentación do EmigraSON 2025 na Embaixada de España en Bruxelas. A Fundación xa contribuíu á organización da edición de 2024 e este ano comezou por custear o cóctel que se ofreceu ao remate deste evento.
Á presentación asistiron boa parte dos patrocinadores do festival. A conselleira Cultural da Embaixada, Tada Bastida, interveu en nome desta institución que cedeu as súas instalacións para celebrar o evento. Tamén asistiron os eurodeputados Nicolás González Casares, Ana Miranda, Francisco Millán Mon e Adrián Vázquez Lázara. O cartel de colaboradores complétase coa Xunta de Galicia, Deleite e a Deputación de Pontevedra.
Contexto
O festival EmigraSON busca brindar un espazo de intercambio cultural á comunidade galega que vive no exterior, mais tamén visibilizar a emigración e dar a coñecer o talento de Galicia no ámbito internacional. Detrás da organización atópase un grupo de amigos de orixe galega afincados en Bélxica.
