Actualidade
Portada » Actualidade »
A Fundación Galicia Europa participa nas xornadas sobre mobilidade laboral da Asociación Área Empresarial do Tambre
- O obxectivo das xornadas é promover un coñecemento e unha actitude positiva cara a mobilidade laboral e a procura de emprego no estranxeiro.
- As oportunidades de prácticas na UE e o Corpo Europeo de Solidariedade foron os temas principais abordados pola FGE durante a xornada.
Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021. A Fundación Galicia Europa participou hoxe nas xornadas “Mobilidade laboral e procura de emprego por Europa” da Asociación Área Empresarial do Tambre, enmarcada no Programa Integrado de Emprego.
O obxectivo xeral desta actividade é promover un coñecemento e unha actitude positiva cara a mobilidade laboral e a procura de emprego no estranxeiro, dando resposta ós interrogantes relacionados coa planificación da busca de emprego e ós requisitos necesarios para aplicar ás diferentes ofertas a nivel europeo.
A xornada, levada a cabo de xeito virtual, contou coa participación, por parte da Fundación Galicia Europa, de Jonatan Santos, quen falou sobre o Corpo Europeo de Solidariedade e explicou as diferentes bolsas e oportunidades de prácticas laborais que existen na Unión Europea.
Outros relatores do seminario foron: Covadonga López López, en representación da Rede EURES, que realizou unha presentación sobre a rede e as posibilidades laborais que ofrece; Belén Mendoza, da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, que falou sobre o programa Erasmus Emprendedores para a mocidade; e Cristina Villadóniga, de Europa Direct A Coruña, que presentou á entidade e as súas funcións e actividades.
