Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos »A Fundación Galicia Europa participa como socia no proxecto europeo de formación de mozas en áreas rurais “Rural Youth of Europe” (RUYOU)
— O proxecto está orientado a mocidade e ten como obxectivo o problema do despoboamento rural, unha problemática que afecta a múltiples rexións de Europa, especialmente aos participantes no proxecto.
— A duración é de 17 meses (decembro 2022- abril 2024).
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023. Entre decembro de 2022 e abril de 2024 a Fundación Galicia Europa actuará como socia do novo proxecto europeo RUYOU, acompañando a outras entidades de Galicia, Portugal, Malta e Romanía.
O obxectivo do proxecto é o de formar e promover habilidades prácticas entre a mocidade de áreas rurais de Europa, que a pesar de pertencer a distintos Estados membros enfróntanse aos mesmos desafíos. O despoboamento e o avellentamento do rural son fenómenos presentes en toda Europa, polo que a Comisión Europea está interesada en facerlles fronte mediante o financiamento de proxectos como RUYOU.
Cumpriranse estes obxectivos mediante a realización de diferentes eventos e actividades que buscarán principalmente concienciar a estes mozos sobre os desafíos aos que se enfrontan as zonas rurais e as súas comunidades, atendendo sempre aos valores e principios de igualdade, xustiza e innovación que deben guiar as actividades dos mozos na UE. As actividades centraranse en incentivar o debate transnacional sobre temas públicos e de relevancia para as comunidades rurais, como poden ser as desigualdades na asignación de recursos entre o mundo rural e o urbano, ou as dificultades no acceso a eles que ten a poboación rural.
Os demais socios participantes son a Asociación Amicos, a Asociación Lug Open Factory, a Eurocidade Chaves – Verín, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a agrupación municipal da rexión Norte de Malta e a universidade Aurel Vlaicu de Arad, Romanía. A Fundación Galicia Europa participará no proxecto apoiando ás entidades galegas na organización dos eventos que lles correspondan e na comunicación e captación de participantes para o proxecto. Corresponderalle tamén á Fundación a organización dun último evento en Bruxelas, a través do cal se poñerá en contacto aos participantes do proxecto coas institucións europeas e os seus órganos decisorios.
Este proxecto Rural Youth of Europe (101081387 – RUYOU) con tema “Compromiso e participación cidadá” é financiado pola Comisión Europea a través do seu Programa Cidadáns, Igualdade, Dereitos e Valores (CERV).
Máis información: Proxecto RUYOU
