Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Proxectos Europeos »A Fundación Galicia Europa participa como socia do proxecto europeo de liderado novo en áreas rurais «YouLeaders»
— O proxecto busca promover a cidadanía activa e ten como obxectivo formar e promover as habilidades de liderado entre a mocidade de áreas rurais do suroeste de Europa.
— A duración é de 2 anos, dende outubro de 2022 a setembro de 2024.
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023. A Fundación Galicia Europa empezará o ano 2023 como socia do novo proxecto europeo «YouLeaders», acompañando á compañía Lug Open Factory como representantes de España entre os participantes da iniciativa.
O obxectivo do proxecto é o de formar e promover as habilidades de liderado entre a mocidade de áreas rurais do suroeste de Europa, para o que participarán entidades e mozos de Galicia, Portugal e Sicilia.
Cumpriranse estes obxectivos mediante a realización de diferentes talleres e actividades que buscarán principalmente concienciar a estes mozos acerca dos desafíos aos que se enfrontan as zonas rurais e as súas comunidades, atendendo sempre aos valores e principios de igualdade, xustiza e innovación que deben guiar as actividades dos mozos na UE. Buscarase tamén a promoción do emprendemento e o desenvolvemento de capacidades entre a mocidade para que poidan cumprir roles de liderado nas súas comunidades e aprender a facer fronte a problemas como o do despoboamento, que tan ben coñecen as localidades rurais, xa sexan galegas, portuguesas ou italianas.
A Fundación Galicia Europa participará no proxecto organizando eventos de captación e formación dos máis novos, ademais de cooperando co resto de entidades de Galicia, Portugal e Italia, onde se celebrará un evento final para terminar o proxecto.
Máis información: Proxecto YouLeaders