Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Cursos » A Fundación Galicia Europa inaugura a décimo sétima edición do programa ‘TecEuropa’

A Fundación Galicia Europa inaugura a décimo sétima edición do programa ‘TecEuropa’

16/11/2022 | ,

— Desenvolvido en formato virtual, o curso de financiamento comunitario para entidades públicas e privadas acolle máis de 110 inscricións

Bruxelas, 16 de novembro de 2022. A Fundación Galicia Europa (FGE), o órgano de representación da Xunta de Galicia ante a Unión Europea, inaugurou hoxe a décimo sétima edición do seu programa TecEuropa, unha formación en financiamento comunitario destinada a entidades galegas, tanto públicas como privadas. A apertura foi da man da directora da oficina da FGE en Bruxelas, Ana Ramos.

Na súa intervención, Ramos destacou o éxito que supón organizar unha edición máis de TecEuropa, que esperta un grande interese entre sectores diversos da sociedade galega. A directora tamén declarou que o obxectivo con este curso é “que poidades reflexionar, con perspectiva local e europea, como afrontar os retos actuais”. “Para iso achegámonos ás políticas europeas que responden a eses desafíos e aos fondos e programas financeiros que as acompañan”, engadiu.

“Achegámonos ás políticas europeas que responden a eses desafíos e aos fondos que as acompañan”.

TecEuropa é o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia para entidades que buscan especializarse na materia. Organizado pola Fundación Galicia Europa desde o ano 2015, suma unha participación superior ás 700 persoas nas 16 edicións anteriores. Nesta ocasión, máis de 110 inscritos abordarán ao longo de catro sesións a política rexional e a posta en marcha das transicións verde e dixital da man de especialistas e representantes comunitarios. Poderán, ademais, identificar as diferentes oportunidades de financiamento que ofrece o actual marco financeiro europeo, a través de programas como Horizonte Europa.

Malia mudar a un formato completamente virtual dende o ano 2020, TecEuropa mantén o contido teórico e práctico característico desde a súa orixe. Así, as dúas primeiras xornadas (mércores 16 e venres 18) contan con conferencias sobre a actualidade e os desafíos da Unión Europea, coa participación de funcionarias españolas da Comisión Europea. Na semana seguinte, os días 23 e 25 de novembro, haberá un contido máis práctico centrado nos diferentes programas de financiamento comunitario. Posteriormente faranse obradoiros sobre algunhas convocatorias con exemplos prácticos de elaboración de propostas.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data