Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » A Fundación Galicia Europa garante a defensa dos intereses de Galicia no marco comunitario con arredor dunha vintena de temas e eventos nos últimos dous meses

A Fundación Galicia Europa garante a defensa dos intereses de Galicia no marco comunitario con arredor dunha vintena de temas e eventos nos últimos dous meses

14/11/2022 |

— Entre os obxectivos da oficina que representa ao Goberno galego en Bruxelas figura o apoio á posta en marcha de estratexias e o traballo en rede con outras rexións europeas

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2022. A Fundación Galicia Europa levou a cabo, nos últimos dous meses, actividades coordinadas cos diferentes departamentos do Goberno galego e dirixidas a garantir a súa contribución nos debates europeos, co obxectivo prioritario de defender os intereses de Galicia no marco comunitario.

O labor da Fundación Galicia Europa céntrase na defensa dos intereses galegos en todas as vías coas que conta Galicia para participar no complexo proceso de toma de decisións a nivel comunitario, tales coma o Consello da UE, os comités de comitoloxía da Comisión Europea ou a participación no Comité Europeo das Rexións. Entre as accións realizadas entre setembro e outubro deste ano inclúense unha vintena de temas e eventos de interese para Galicia nos eidos ambiental, económico, pesqueiro ou da mobilidade, entre outros.

Nesta liña de acción, nestes dous meses traballouse na flexibilización na execución dos fondos estruturais 2014-2020, na programación do período 2021-2027 e no debate que se abre cara ao futuro da política de cohesión, así como na execución da actual Rede Transeuropea de Transporte e a súa revisión para 2024. No eido da pesca estase a seguir moi de preto a prohibición da pesca de fondo en zonas do Noroeste Atlántico e a traballar na defensa dos intereses galegos de cara a unha eventual reforma da Política de Pesca Común no 2023.

A Fundación Galicia Europa defende os intereses galegos con todas as vías coas que conta no complexo proceso comunitario de toma de decisións

Unha das misións da Fundación Galicia Europa é prestar apoio a todos os departamentos da Xunta de Galicia para a posta en marcha de estratexias, para o traballo en rede con outras rexións europeas e, en xeral, para transmitir as experiencias ou as necesidades de Galicia nos foros comunitarios, en aras á defensa dos nosos intereses. Todo isto, respectando os principios de unidade da acción exterior do Estado, tal e como se recolle na lei autonómica de Acción Exterior aprobada o pasado ano.

Accións nos eidos ambiental e rural

O medio ambiente e o medio rural foron dous dos ámbitos que centraron máis actuacións nos últimos dous meses. Destacan especialmente as xestións realizadas en relación coa prohibición da caza do lobo a ambos os dous lados do río Douro, coa transición xusta nas zonas identificadas como tal en Galicia polo peche das centrais térmicas das Pontes e Meirama, ou coa transición cara a unha industria do automóbil climaticamente neutra.

Cómpre resaltar tamén o traballo colaborativo derivado da participación de Galicia na Misión de adaptación ao Cambio Climático, na que se integran máis de 200 rexións e cidades europeas para sumar sinerxías en prol do fomento da resiliencia aos impactos do cambio climático. Neste eido a FGE está tamén a prestar apoio á consellería de Medio Ambiente para a súa participación na 27ª Conferencia das partes sobre o Cambio Climático (COP), que terá lugar no mes de novembro en Sharm el Sheij (Exipto).

O plan europeo para reducir a dependencia dos combustibles fósiles (REPowerEU), a modificación do Plan Nacional de Recuperación e Resiliencia ou a reconstrución de Ucraína son outros dos temas que Galicia segue moi de cerca.

Semana europea das rexións e das cidades

No período de actuación ao que se refire o informe tivo lugar a Semana Europea das Rexións e das Cidades. A FGE participou en dous eventos, explicando a experiencia galega xunto a outras rexións europeas con respecto á transición ecolóxica a nivel local e á transición dixital do tecido produtivo.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data