Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » A Fundación Galicia Europa defenderá en 2023 unha transición xusta e ordenada no marco do pacto verde europeo

A Fundación Galicia Europa defenderá en 2023 unha transición xusta e ordenada no marco do pacto verde europeo

12/12/2022 |

— O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, participaron hoxe na reunión do padroado da FGE, no que se abordou o plan de actuacións desta entidade de cara a 2023

— Continuarase traballando na defensa dos intereses de Galicia, ademais de fomentar a participación da comunidade galega en proxectos europeos e de informar e sensibilizar sobre a Unión Europea en Galicia

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2022. O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, acompañados do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da Fundación Galicia Europa (FGE), Jesús Gamallo, participaron esta mañá na reunión do padroado desta entidade, na que se abordou o plan previsto de cara a 2023. Coincidindo coa Presidencia española da UE e co Ano Europeo de Capacidades, a FGE continuará traballando na defensa dos intereses de Galicia ante a Unión Europea, ademais de fomentar a participación da comunidade galega en proxectos europeos e de informar e sensibilizar sobre a Unión Europea en Galicia.

En relación co Pacto Verde, que guía actualmente todas as políticas europeas para camiñar cara á neutralidade climática en 2050, a Fundación lembra que Galicia foi unha das primeiras rexións europeas en comprometerse con este obxectivo, se ben defende a necesidade de adaptar ben os tempos e contar cos recursos necesarios para acompañar os sectores económicos máis afectados como o do automóbil, o enerxético ou o sector primario. Precisamente as políticas comúns de pesca e agricultura serán outros dos temas prioritarios durante 2023, así como a revisión en curso da Rede Transeuropea de Transporte.

En relación co financiamento comunitario, 2023 será o último ano de execución dos fondos estruturais e de investimento e o primeiro da nova programación ata 2027. Será tamén o ecuador da execución do instrumento temporal de recuperación NextGeneration e o seu programa estrela: o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

A Fundación Galicia Europa está a facer un seguimento da execución destes fondos para así contribuír ao debate que xa comeza na capital comunitaria sobre o marco financeiro plurianual posterior a 2027. Definir a posición de Galicia neste debate, especialmente en relación coa política rexional, que copa un terzo do orzamento, é unha das prioridades da fundación para o ano que vén.

Como complemento ás canles que a asociación emprega para defender os intereses de Galicia perante a UE, presentarase o próximo ano un plan para reforzar a influencia que supón a presenza de galegos e galegas nas institucións comunitarias.

A Fundación lembra que Galicia foi unha das primeiras rexións europeas en comprometerse co Pacto Verde Europeo

Formación e sensibilización sobre a UE en Galicia

A FGE continuará en 2023 co seu programa de especialización en financiamento comunitario TecEuropa, do que xa organizou 17 edicións coa participación de 700 participantes. Tamén continuará co seu programa de bolsas de formación en asuntos europeos, que permite a graduados facer prácticas na oficina de Bruxelas, e coa iniciativa #EuroXuventude coa que informa á mocidade das oportunidades que ofrece a UE. A este respecto, a organización está inmersa en tres novos proxectos europeos que teñen por obxectivo reforzar o liderado dos mozos e mozas no rural.

Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa é un ente instrumental do sector público autonómico que, desde 1988, actúa como punta de lanza da participación galega nos asuntos europeos. A Lei 10/2021 reguladora da acción exterior de Galicia recolle o seu mandato para exercer a representación autonómica galega ante as institucións e órganos da Unión Europea seguindo as directrices do Goberno autonómico e respectando os principios de unidade de acción exterior do Estado. Conta con dúas oficinas, unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data