• Están dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional e o prazo de presentación de candidaturas finaliza o 31 de xaneiro
  • O obxectivo destas bolsas, cunha duración de 11 meses, é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral
  • Esta iniciativa enmárcase nun dos obxectivos fundacionais da entidade, a formación e sensibilización sobre a UE en Galicia
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2018. A Xunta de Galicia, a través da Fundación Galicia Europa (FGE), acaba de publicar unha nova convocatoria de bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea para 2019, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a  empregabilidade dos mozos da comunidade. Das seis bolsas convocadas, cinco están dirixidas a persoas cun título universitario e unha dirixida a persoas cun título de técnico superior de formación profesional. O programa formativo das bolsas terá unha duración de 11 meses.
En concreto, tres bolsas serán destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en asuntos comunitarios desde unha perspectiva galega. Unha delas desenvolverase na oficina da Fundación Galicia Europa en Santiago de Compostela e dúas na oficina de Bruxelas.
Dúas bolsas serán destinadas a persoas cun título universitario para a súa formación en comunicación das políticas comunitarias e de participación galega en asuntos europeos. Unha delas desenvolverase na oficina da  FGE en Santiago de Compostela e a outra na oficina de Bruxelas.
A sexta bolsa será destinada a persoas cun título de técnico superior de formación profesional para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo con destino na oficina de Bruxelas. 
A retribución bruta de cada bolsa será de 12.050€, para os bolseiros de Santiago de Compostela e de 14.620 € para os bolseiros cuxo destino sexa Bruxelas. Ademais, estes últimos recibirán unha axuda de desprazamento de 500 €.
Requisitos para solicitar a bolsa

Para poder ser beneficiario da bolsa débese cumprir cos requisitos que se establecen no artigo 5 das bases reguladoras. Entre eles atópanse os seguintes:
Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea.
Ser natural de Galicia, fillo de galegos ou acreditar mediante o empadroamento residencia en Galicia. 
Posuír o título académico que se esixe en cada unha das modalidades ou acreditar o pago dos dereitos da súa expedición. 
Ademais, non poderán presentarse a esta convocatoria bolseiros que gozasen deste programa formativo en convocatorias anteriores.
Presentación de solicitudes

As solicitudes deberán presentarse de maneira obrigatoria mediante vía electrónica a través do formulario normalizado. Así, poderase utilizar calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365
Todos os solicitantes deberán achegar coa súa solicitude a documentación á que se fai referencia no artigo 7 das bases reguladoras. 
O prazo de presentación de solicitudes, tras a publicación da convocatoria o 31 de decembro, dá comezo o 1 de xaneiro, cumpríndose o prazo dun mes o 31 de xaneiro. 
A Fundación Galicia Europa

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. 
Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. 
Pódese acceder a todos os detalles da convocatoria a través da seguinte ligazón. 
A solicitude débese tramitar a través do seguinte enlace