Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »
A Fundación Galicia Europa, comprometida co medio ambiente
— A Fundación Galicia Europa é pioneira no Pacto Europeo polo Clima
— A Alianza Galega polo Clima busca implicar a todos os axentes galegos e situar a Galicia á cabeza das rexións europeas na loita contra o cambio climático
Bruxelas, 22 de setembro de 2022. No ano 2021, a Fundación Galicia Europa adheriuse ao Pacto Europeo polo Clima, sendo unha das primeiras entidades europeas en facelo. Esta iniciativa da Comisión Europea, parte do Pacto Verde Europeo, pretende implicar á cidadanía e o resto da sociedade civil na estratexia europea para acadar a neutralidade climática. Máis de mil entidades están xa adheridas ao Pacto europeo polo Clima.
Dende a súa adhesión a principios do ano pasado, a Fundación Galicia Europa realiza actividades de información, formación e sensibilización en relación co Pacto Verde Europeo. Deste xeito, as iniciativas políticas e lexislativas que se derivan del están presentes en tódalas súas actividades, dende o curso de especialización en financiamento comunitario ‘TecEuropa’ aos eventos dirixidos á mocidade (EuroXuventude), pasando polos encontros virtuais FGE | NextGeneratiOn Galicia, que reúnen todos os meses a representantes da Comisión Europea coa administración galega. A FGE contribuíu tamén a facer unha exposición itinerante sobre o Pacto Verde Europeo na Alameda de Santiago de Compostela. Ademais, fíxose unha campaña en redes sociais para difundir os consellos da UE dirixidos á cidadanía para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro.
En Bruxelas, como oficina de representación de Galicia, a FGE informa sobre as iniciativas galegas para avanzar cara a neutralidade climática, tendo en conta que foi unha das primeiras rexións europeas en comprometerse con este obxectivos -antes mesmo cá Unión Europea – e promove o Camiño de Santiago como modelo de turismo sostible en Europa.
A FGE fai actividades de información, formación e sensibilización en relación co Pacto Verde Europeo
Alianza Galega polo Clima
O Goberno galego asumiu o reto de impulsar a Alianza Galega polo Clima para coordinar todas as accións que se desenvolvan na Comunidade e multiplicar o seu impacto contra o cambio climático. É unha ferramenta incluída na Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, adoptada no 2019.
No marco desta Alianza, fixaranse e consensuaranse anualmente as propostas para resolver as principais ameazas da Comunidade; e identificaranse os factores e fendas de coñecemento e xestión que obstaculizan a acción contra este fenómeno global.
A Xunta de Galicia invita, pois, a todas as entidades galegas a sumarse á Alianza Galega polo Clima asinando un Memorando de entendemento. Trátase dunha adhesión voluntaria e aberta dirixida, principalmente, a: empresas e asociacións profesionais e sindicais que queiran aproveitar a oportunidade deste compromiso medioambiental para visualizar a súa forma de producir responsable; ONG ambientais e organizacións da sociedade civil que queiran achegar a súa experiencia; así como as administracións públicas e organizacións científicas e académicas que aporten os seus coñecementos na mellora das prácticas medioambientais.
Así, as partes, tendo en conta as súas responsabilidades comúns e o carácter específico dos seus obxectivos, asumen como compromiso realizar unha aproximación ou avaliación do impacto ambiental e climático derivado da súa actividade; establecer accións e medidas orientadas á adaptación ou mitigación do cambio climático; promover e apoiar a cooperación e o intercambio; e desenvolver as liñas estratéxicas que se propoñan no seo da Alianza polo clima.
Coa sinatura, os membros comprométense a protexer o sistema climático en beneficio das xeracións presentes e futuras, e a tomar medidas de precaución para prever, previr ou reducir ao mínimo as causas do cambio climático e fomentar a resiliencia.
Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.
Máis información: European Commission