Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »
A Fundación Galicia Europa chama á participación na Semana Europea das Rexións e das Cidades que se celebra a principios de outubro
— Baixo o lema ‘Novos retos para a cohesión europea’, terá lugar do 10 ao 13 de outubro en formato virtual e híbrido.
— O período de inscrición para asistir ao maior evento anual dedicado á política de cohesión da UE comeza o 31 de agosto.
— A oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, que acollerá un dos máis de 300 actos previstos, anima á sociedade galega a asistir a este gran foro de intercambio de experiencias rexionais e locais.
Bruxelas, 31 de agosto de 2022. A menos de dous meses para a celebración da Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek), a Fundación Galicia Europa fai un chamamento á sociedade e aos axentes galegos a participar do 10 ao 13 de outubro no maior evento anual con sede en Bruxelas dedicado á política de cohesión. En 2021, a segunda edición dixital, alcanzou unha cifra récord de casi 18.000 participantes rexistrados con 300 eventos nunha semana nos que participaron máis de 590 socios. O período de inscrición comeza o 31 de agosto.
Nesta vixésima edición, a #EURegionsWeek levará por lema Novos retos para a cohesión europea e centrarase en catro temas principais: a transición verde, a cohesión territorial, a transición dixital e o empoderamento da mocidade. Este evento é un dos máis importantes do ano en Bruxelas para os socios rexionais e locais ata converterse nunha plataforma única de comunicación e creación de redes, que reúne a rexións e cidades de toda Europa, incluídos políticos, administradores, expertos e académicos. Durante os últimos 19 anos fixo moito para promover o aprendizaxe de políticas e o intercambio de boas prácticas.
A Fundación Galicia Europa terá unha presenza destacada na Semana Europea das Rexións e das Cidades participando como ‘partner’ nun dos eventos programados e acollendo outro na súa oficina en Bruxelas
A Fundación Galicia Europa participará activamente como ‘partner’ nun consorcio de rexións no evento Regions addressing integrated sustainable urban development trough Cohesion Policy projects (Rexións que abordan o desenvolvemento urbano sustentable integrado a través de proxectos da política de cohesión). O evento estará ademais integrado pola Asociación de Concellos urbanos de Eslovenia, A Axencia de Desenvolvemento de Bucharest-Ilfov (Romanía), a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Centro (Portugal) e a a Oficina de Promoción Económica da Rexión de Lodzkie (Polonia).
O seminario consistirá na presentacións dunha serie de proxectos relacionados co desenrolo urbano no que se exporán casos de éxito e finalizará cunha rolda de preguntas e respostas. Pola súa banda, Galicia vai presentar o labor da Xunta como coordinadora e impulsora do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía en Galicia. Máis do 90% dos municipios galegos están adheridos hoxe a este Pacto, o que implica un forte compromiso para reducir as emisións e a posta en marcha dun plan de traballo para cumprir os obxectivos.
Galicia vai presentar o labor da Xunta como coordinadora e impulsora do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía en Galicia
Ademais, a Fundación Galicia Europa apoia a Axencia Galega de Innovación, que participa nun consocio de rexións liderado pola rede Vanguard Initiative. O seminario centrarase neste caso na transición dixital e celebrarase na oficina da FGE en Bruxelas. Representantes de rexións e municipios de Romanía, Bélxica, Portugal e Holanda, exporán xunto con Galicia exemplos de como están a conectar os seus ecosistemas de innovación co obxectivo de desenvolver novas cadeas de valor interrexionais.
O sitio web da Semana Europea das Rexións e Cidades ofrece toda a información sobre os actos previstos e o formulario de inscrición. O evento está afianzado como unha plataforma única de comunicación que atrae representantes políticos, funcionarios, expertos e académicos de toda a Unión Europea. Durante os últimos anos contribuíu de modo decisivo ao intercambio de experiencias e coñecementos entre rexións, municipios e institucións comunitarias. En 2021, a segunda edición dixital alcanzou unha cifra récord de case 18.000 participantes e preto de 600 entidades públicas e privadas colaboradoras.
A Semana Europea das Rexións e das Cidades
A Semana Europea de las Regiones y Ciudades (#EURegionsWeek) é o principal evento anual dedicado á política rexional. Durante este evento anual de catro días, as cidades e rexións mostran a súa capacidade para xerar crecemento e emprego, aplicar a política de cohesión da Unión Europea e demostrar a importancia do nivel local e rexional para a boa gobernanza europea. A participación neste evento é gratuíta.
Desde a súa primeira edición en 2003, este evento creceu ata converterse nunha plataforma única de comunicación e traballo en rede onde rexións e cidades de toda Europa se reúnen a través dos seus respectivos representantes políticos, funcionarios, expertos e académicos. A Semana Europea das Rexións e Cidades fixo moito para promover o uso por parte das rexións e cidades dos fondos da UE para mellorar a vida cotiá dos cidadáns.
Máis información: Xunta de Galicia
Eventos nos que participa Galicia
→ Regions addressing integrated sustainable urban development trough Cohesion Policy projects, coorganizado pola Fundación Galicia Europa.
