Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude »
A Fundación Galicia Europa celebra o Ano Europeo da Xuventude coa mocidade galego-portuguesa
— A Fundación Galicia Europa, co apoio da Eurocidade Chaves-Verín e ADRAT, organiza a xornada “2022: Ano Europeo da Xuventude” na sede da Eurocidade Chaves-Verín e ao abeiro do proxecto “Xuventude Embaixadora Dixital Pemes”, aprobado polo programa Erasmus+
— Participarán profesionais especializados en políticas e programas comunitarios en Galicia e no Norte de Portugal, xestores, dinamizadores e beneficiarios de proxectos
Santiago de Compostela, 8 de xuño de 2022. O vindeiro 17 xuño 2022 terá lugar esta xornada dirixida a toda a poboación xuvenil de entre 18 e 30 anos, así como a calquera entidade pública, privada, asociación, empresas, …interesada en coñecer as oportunidades que a UE ofrece á mocidade directamente. A xornada terá unha inscrición de balde para poder asistir presencialmente ou telematicamente.
Seguindo as indicacións da Comisión europea o obxectivo da xornada é “alentar a todos os mozos, especialmente a aqueles con menos oportunidades, de contornas desfavorecidas, de zonas rurais ou remotas, ou pertencentes a grupos vulnerables, a converterse en cidadáns activos e actores do cambio positivo. Ademais, quere promover as oportunidades que brindan as políticas da UE para que os mozos apoien o seu desenvolvemento persoal, social e profesional.”.
Durante a primeira parte desta xornada presentaranse programas, iniciativas, ferramentas ou actividades da UE máis dirixidos aos mozos, ás entidades a favor da mocidade e a emprendedores. Serán os propios mozos quen nos relate as súas experiencias, apoiados por entidades que representan estes programas que propician o beneficio e as oportunidades existentes no ámbito xuvenil.
Durante a segunda parte da xornada presentarase oficialmente o proxecto “Xuventude Embaixadora Dixital para Pemes”, recentemente aprobado. Asistirán os representantes legais das tres institucións: Fundación Galicia Europa, AECT Eurociudad Chaves-Verín e a Asociación para o Desenvolvemento da Rexión do Alto Támega ( ADRAT).
A sesión finalizará cos directores xerais de Xuventude de Galicia e Portugal, e o director da Axencia Nacional ERASMUS+ JA en Portugal que nos falarán das políticas europeas xuvenís en ambas as zonas.
Podes inscribirte na seguinte ligazón.
Consulta o programa da xornada.
CONTEXTO
Xuventude Embaixadora Dixital para pemes (Dixital Youth Ambassadors for SMEs- DYAS) é un proxecto aprobado e financiado pola Axencia Nacional Portuguesa Erasmus+ JA. Erasmus+ (2021-2027) é o programa da Comisión europea nos campos de Educación, Formación, Mocidade e Deporte, que promove a inclusión social, as transicións verdes e dixitais e a participación dos mozos na vida democrática.
Os principais obxectivos que guiará a DYAS son: incrementar as oportunidades laborais e as capacidades persoais da mocidade das zonas rurais, en termos de dixitalización, uso de ferramentas e plataformas dixitais; mellorar a eficiencia empresarial e a competitividade das pequenas empresas, debido á súa evolución en termos de dixitalización e competencias nos mercados dixitais e promover o intercambio de coñecementos e experiencias entre os mías novos e empresas, así como promover a creación de novos negocios por parte da xuventude.
A súa finalidade é abordar a transformación dixital e capacitar aos mozos, as pemes e as institucións involucradas. Os resultados esperados son a mellora das capacidades formativas e profesionais; un mellor coñecemento das ferramentas dixitais,¡; a integración nas súas comunidades locais e mellora das capacidades das PEME.