Bruxelas, 10 de outubro de 2018. A Fundación Galicia Europa acolleu hoxe a reunión da Asemblea anual de NECSTouR, a rede de rexións europeas por un turismo sostible e competitivo, da que Galicia forma parte. A asemblea, que reuniu a 60 representantes das 36 rexións que conforman NECSTouR, serviu para definir o plan de traballo 2019-2021 da rede que se define en cinco palabras: intelixente, socio-cultural, habilidades, seguridade e estatística. 
Durante a reunión nomeouse o novo Comité Executivo de NECSTouR, que reúne ás 12 rexións máis comprometidas co turismo sostible. Así, durante os próximos tres anos xunto a Galicia, no Comité Executivo estarán: Cataluña e Andalucía, por parte de España; Flandes (BE); Västra Götaland (SV); Dinamarca Central (DK), Emilia Romagna  e Toscana, como representantes de Italia;  Île-de-France e  Provence-Alpes-Côte d’Azur, por parte de Francia;  Escocia (UK) e o Sur de Limburgo (NL). 
NECSTouR

O obxetivo desta rede de rexións, creada en 2007, é o de impulsar a cooperación entre as rexións europeas; posicionar o turismo na axenda europea, influíndo de maneira directa na toma de decisión das políticas; aumentar as posibilidades de financiación e fortalecer a presencia das rexións nas políticas europeas de turismo. 
NECSTouR está integrado por unha setentena de membros: 36 rexións, 13 empresas, institucións e asociacións e 20 universidades e centros de investigación.