Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Eventos » A Fundación Galicia Europa acolle en Bruxelas o evento de capitalización “AYCH Brussels Final Summit”

A Fundación Galicia Europa acolle en Bruxelas o evento de capitalización “AYCH Brussels Final Summit”

23/06/2023 |

— A mocidade descobre, aprende, explora, soluciona e crea prototipos, ideas, proxectos que cambiarán a Europa atlántica do 2030

— A mocidade constrúe un novo futuro sostible de xeito participativo e creativo

Bruxelas, 23 de xuño de 2023. No marco do programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea os socios do proxecto Atlantic Youth Creative Hubs (AYCH) celebrarán os días 27 e 28 de xuño na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas o seu último comité de xestión e unha xornada creativa con socios, expertos, stakeholders e novos embaixadores do proxecto co fin de crear sinerxias na procura de solucións a problemas que existen hoxe en día na área atlántica; ademais farase unha breve presentación da metodoloxía e os resultados do proxecto que está a piques de finalizar.

O proxecto AYCH é unha asociación internacional para a promoción do espírito empresarial e o emprego xuvenil. O obxectivo principal de AYCH é desenvolver novos enfoques e intervencións en servizos de apoio para mozos a través do espazo atlántico no sector creativo, conectando persoas, ideas, habilidades, tecnoloxías e empresas nunha rede de centros, co fin de desbloquear o potencial creativo e a xuventude emprendedora.

O proxecto AYCH nace en París no ano 2017 tras a análise e a preocupación ante a falta de programas xuvenís na Unión Europea que desenvolvesen unha base educativa extracurricular no ámbito da creatividade. Con este proxecto pretendeuse cubrir unha necesidade entre os creativos máis novos que non tiñan espazos onde expresar as súas preocupacións e poder atopar así un apoio na creación dun negocio propio ou un contacto directo con tomadores de decisións que lles puidesen axudar sen unha base formativa especializada.

“O pensamento de AYCH é que calquera persoa que non tivo a ocasión de recibir unha educación multidisciplinar, por calquera motivo, póidaselle ofrecer. Así nos últimos 5 anos moitos mozos acolleron e gozaron desta oportunidade. Creáronse numerosos postos de traballos directos e, mesmo máis, indirectos”.

Nesta última fase ademais de España, Portugal, Francia e Reino Unido sumouse ao proxecto Irlanda e atópanse, todos os socios, capitalizando o traballo dos últimos anos, así como proporcionando novas oportunidades e actividades a favor da mocidade atlántica europea.

Durante todo este tempo creouse unha metodoloxía educativa sobre o emprendemento creativo que foi obxecto de estudo por outros proxectos europeos e replicado por varias universidades internacionais onde hoxe en día celébranse Creative Jams, o evento máis significativo deste proxecto e que resume o espírito de AYCH.

Que é unha Creative Jam?

É un evento, un espazo creativo que une á xuventude, socios, axencias, expertos e tomadores de decisións para facilitar a oportunidade de «ser creativos» e construír prototipos para abordar problemas sociais a través de talleres e un hackathon. Apoiado na tecnoloxía e o deseño de pensamento crítico que favorece á poboación xuvenil atlántica na procura de novos valores educativos. En cada Creative Jam, hai unha serie de temáticas a abordar. As ideas, servizos e produtos que crean baséanse nos diversos temas propostos no evento.

É unha excelente maneira de axudar á mocidade para desenvolver habilidades e compartir ideas, alentándoos a traballar con persoas de diferentes países nunha misión compartida para pensar en solucións para axudar a desenvolver novos enfoques e intervencións en servizos de apoio para mozos en todo o espazo atlántico.

Neste momento o proxecto AYCH volve a vista atrás e analiza os seus resultados e logros, e agradece a todos os seus socios pasados e presentes o gran esforzo en beneficio dunha mocidade atlántica creativa que pensa diferente e que pensa nun novo mundo sostible.

Os socios galegos do proxecto AYCH, a Fundación Galicia Europa, a Cámara de comercio de Santiago de Compostela e a LugOpen Factory, participaron activamente nas actividades e accións realizadas ao longo deste ano, apoiando e ofrecendo novas oportunidades a xuventude galega.

Atlantic Youth Creative Hubs

O proxecto AYCH (Athlantic Youth Creative Hubs) é unha oportunidade para a creatividade e a tecnoloxía para a mocidade. Co-financiado polo programa Interreg Atlantic Area.

Os socios participantes nesta última etapa son Cámara Municipal de Santo Tirso (Pt), In.Cubo (Pt), EDNA (Escola de Deseño de Nantes Atlántico) (F); IMI (Instituto de Métodos de Innovación) (Ir); Space (UK); Vida Lactea (Es); Cámara Comercio Santiago de Compostela (Es) e a Fundación Galicia Europa.

Os socios do proxecto desde o seu inicio foron Devon City County, Camara Municipal de Santo Tirso, Plymouth College of Art, Fundación Galicia Europa, Plymouth City Council, Space Youth Service, Camara de Comercio de Santiago de Compostela, PacificStream, Asthon Community Trust, Metropole de Brest, Grand Angouleme, L’Ecole de Design Nantes-Atlantique, Atlantic Cities, Concello de Xixón, Vida Lactea, Incubo Alto Minho, Institute for Methods.

Máis información: AYCH

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data