• A xornada formativa celebrada esta mañá foi froito da colaboración coa Deputación de Lugo e coa Federación Galega de Municipios e Provincias
  • No seminario fíxose especial incidencia en dar a coñecer aquelas liñas de financiamento máis accesibles para os entes locais
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE sinalou a importancia de buscar fontes alternativas de financiamento para desenvolver proxectos locais

Lugo, 04 de xullo de 2014.- A Xunta de Galicia e a Fundación Galicia Europa, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias e a Deputación de Lugo, celebraron esta mañá na sede da entidade provincial a xornada “Preparación das entidades locais ante os novos programas de financiamento comunitario durante o período 2014-2020”. O acto de apertura contou coa participación do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE e director da FGE, Jesús Gamallo, así como coas do vicepresidente executivo da FEGAMP, Alfonso Villares e do deputado provincial Álvaro Santos.

O seminario, dirixido a concelleiros, funcionarios e persoal técnico de entidades locais encargado de xestionar fondos europeos, enmárcase nun protocolo de colaboración asinado en 2013 entre a FGE e a FEGAMP co fin de impulsar a captación de financiamento comunitario entre os entes locais galegos durante o novo período orzamentario da UE. De tal maneira, os relatores da xornada proporcionaron aos asistentes unha visión xeral das distintas fontes de financiamento europeo, incidindo naquelas que, nestes momentos, poden ser máis accesibles para este tipo de entidades, como son os fondos estruturais, Erasmus+ ou o programa Life.

Ademais, co obxectivo de dar un nesgo máis práctico á sesión, aqueles representantes dos concellos e deputacións galegas con proxectos en desenvolvemento puideron, ao cabo da mesma, manter entrevistas individuais nas que recibiron orientación e asesoramento por parte das dúas expertas en proxectos europeos que participaron como relatoras na xornada.

O director xeral incidiu durante a súa intervención na pertinencia desta xornada, recordando que, aínda que Galicia manterá unha porcentaxe importante dos fondos estruturais no período 2014-2020, é fundamental buscar fontes alternativas de financiamento e acadar unha posición dende a que poidamos competir polas mesmas en clave de excelencia con outras rexións e cidades europeas. É por iso, lembrou, que dende a Xunta de Galicia se está a apostar por un cambio no modelo produtivo, contando como “folla de ruta” coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) para transformar á galega nunha economía baseada na innovación e o coñecemento.

Contidos da xornada

Máis información