Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » A Fundación Galicia Europa abre o prazo de solicitude das súas prácticas en asuntos europeos

A Fundación Galicia Europa abre o prazo de solicitude das súas prácticas en asuntos europeos

18/03/2022 |


— A solicitude poderá realizarse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia e o prazo permanecerá aberto ata o 18 de abril (inclusive). 

— O obxectivo destas 5 bolsas formativas, dirixidas a titulados universitarios e técnicos superiores en Formación Profesional, é facilitar á mocidade galega a mobilidade e o acceso ao mercado laboral, ademais de posibilitarlle a oportunidade de traballar nunha contorna europea e multicultural.

 

Bruxelas, 18 de marzo de 2022. – A Xunta de Galicia, a través da Fundación Galicia Europa (FGE), acaba de publicar unha nova convocatoria de bolsas de formación en asuntos relacionados coa Unión Europea, en liña cos seus obxectivos de achegar a realidade europea á sociedade galega e de mellorar a empregabilidade da mocidade.

As cinco bolsas formativas convocadas desenvolveranse na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas. Dúas están destinadas ao seguimento dos asuntos relacionados coas políticas europeas que máis afectan a Galicia, unha á comunicación das políticas comunitarias, outra ao secretariado e ao apoio administrativo e outra ao seguimiento das políticas e programas europeos no ámbito da innovación e da investigación. A diferenza das outras catro bolsas que contan cunha duración de 11 meses, a bolsa de prácticas no eido da I+D+I ten unha duración de 12 meses.

Para as bolsas de seguimento dos asuntos europeos de máis interese para Galicia valorarase, preferentemente, as seguintes titulacións: grao ou licenciatura en Dereito, Dirección e Xestión Pública, Ciencias Políticas e da Administración, Economía, Xornalismo, Comunicación e graos ou licenciaturas nas áreas de Tradución e Interpretación e Relacións Internacionais

A bolsa de comunicación está destinada a licenciados ou graduados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas e a de secretariado e apoio administrativo á persoas cun título de técnico superior de Formación Profesional pertencente ao ramo de Administración e Xestión (Administración e Finanzas, Asistencia a Dirección ou Secretariado).

No caso da bolsa destinada ao seguimento de políticas e programas europeos no ámbito da I+i valoraranse preferentemente as titulacións relacionadas coa rama de coñecemento das Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñería e Arquitectura.

A convocatoria detalla os prazos e procedementos para a presentación completa das solicitudes, as fases do proceso de selección e os requirimentos de admisión entre os que destacan ter unha vinculación con Galicia, ter obtido o título académico dentro dos seis anos previos ao da publicación da presente convocatoria e non ter sido beneficiario de ningunha convocatoria anterior de bolsas da FGE. Así mesmo, o feito de amosar dominio de idiomas -galego, inglés e francés, entre outros- será valorado positivamente como méritos.

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes coa documentación requirida ata o 18 de abril de 2022 (inclusive), data na que se pecha o prazo oficial de presentación de candidaturas.

As solicitudes deben presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para iso, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Pódese acceder a todos os detalles da convocatoria a través da seguinte ligazón.

A Fundación Galicia Europa 

A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación Galicia Europa está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. A FGE conta con dúas oficinas: unha presente en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 delegacións rexionais establecidas na capital comunitaria.

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas