• Coa listaxe provisional de beneficiarios admitidos e suplentes publicada, ábrese un prazo de alegacións de 10 días que remata o vindeiro 30 de outubro 

Bruxelas, 16 de outubro de 2018. Tras avaliar as solicitudes presentadas, a Fundación Galicia Europa (FGE) fai pública a resolución da convocatoria 2018 do curso de especialización en financiamento comunitario TecEuropa coa listaxe provisional de beneficiarios e suplentes para a realización das actividades formativas. A partir de hoxe, ábrese un prazo de alegacións de 10 días de duración que remata o vindeiro 30 de outubro. 
A convocatoria contou cun total de 64 solicitudes para as 40 prazas ofertadas. En concreto, presentáronse 34 persoas para a primeira edición e 30 para a segunda. Entre os solicitantes atoópanse representantes de ata 8 concellos de Galicia, das tres universidades galegas e dunha decena de fundacións, ONGs así como representantes de diferentes departamentos e consellerías da Xunta de Galicia. 
 
A primeira parte das dúas edicións celebrarase de forma conxunta en Bruxelas durante os días 26 e 30 de novembro. A segunda parte terá lugar en Santiago os días 11 e 12 de decembro, para a primeira edición, e 13 e 14 decembro, para a segunda a edición.
TecEuropa
O programa TecEuropa, que celebrará xa a súa sexta e séptima edición, está composto por unha parte teórica, que se desenvolverá na oficina da FGE en Bruxelas, e unha parte práctica que se levará a cabo en Santiago de Compostela.
Durante a estadía de formación en Bruxelas, os/as participantes recibirán unha formación especializada sobre o marco financeiro comunitario 2014-2020, ademais de visitar as sedes das institucións europeas co obxectivo de coñecer de primeira man a súa importancia e funcionamento. Por outro lado, durante os dous días de formación en Santiago, abordaranse os aspectos prácticos para acceder e xestionar os fondos comunitarios.
O programa TecEuropa enmárcase dentro dos obxectivos da FGE de formación e fomento de participación de entidades galegas en proxectos europeos.
Toda a información desta séptima edición de TecEuropa pode consultarse aquí