- Nunha
situación complexa para a UE cobran importancia elementos que uniron
durante séculos aos europeos, como o Camiño de Santiago
- A
Fundación Galicia Europa e o Instituto Cervantes de Bruxelas organizaron
unha xornada sobre esta temática
- 23
representantes de asociacións de amigos do Camiño de Santiago visitaron a
semana pasada Bélxica, participando ademais neste evento
Bruxelas, 16
de maio de 2017. A Fundación Galicia Europea organizou a pasada
semana un coloquio na sede do Instituto Cervantes de Bruxelas para debater
sobre como o Camiño de Santiago pode contribuír a reconstruír a UE. Nestes
momentos difíciles para a Unión, marcados polo Brexit e a aparición de
populismos no continente, freados en certa forma pola vitoria de Macron en
Francia, Europa enfróntase á necesidade de refundarse. Neste contexto cobran
especial relevancia elementos que ao longo da historia uniron aos europeos,
como é o caso do Camiño de Santiago.
A Fundación Galicia Europa e o Instituto Cervantes de
Bruxelas puxeron en marcha conxuntamente esta xornada, que contou con 23
representantes de asociacións de amigos do Camiño de Santiago galegas, acompañados
do xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela. A súa visita enmárcase nunha
viaxe a Bélxica para coñecer distintas posibilidades que as institucións
europeas ofrecen para dinamizar turísticamente o Camiño. Por iso, tras visitar
o Parlamento Europeo, os representantes participaron en varias sesións de
traballo na sede da Fundación Galicia Europa, centradas todas en explicar aos
asistentes as posibilidades de financiamento de proxectos relacionados coa ruta
xacobea. Unha asesora técnica da Comisión Europea explicou o porqué do apoio
europeo ao turismo cultural e sustentable, mentres que Cristina Núñez,
coordinadora de Necstour, detallou como esta plataforma sirva para o
intercambio de coñecementos en materia de turismo sustentable e competitivo.
Por parte da Fundación, Ana Ramos e Tania Gesto, directora e asesora técnica
respectivamente, expuxeron as achegas que a nosa entidade pode facer aos promotores
dos Camiños de Santiago.
Un Camiño de Santiago forte, que aproveite ao máximo as súas
potencialidades económicas, e á vez medioambientalmente sustentable, axuda non
só ao benestar da poboación de Galicia, senón de todo o continente. O Camiño
atravesa a xeografía europea de leste a oeste; Goethe dixo que “Europa naceu
peregrinando a Compostela”. Por iso potencialo é un vía para volver sentirnos
europeos, tal e como se reflexiono nesta xornada en Bruxelas.