• A iniciativa organizouse con motivo do
    Día de Europa, que se celebra o 9 de maio
  •  Estivo protagonizado por estudantes
    universitarios provenientes de distintas disciplinas académicas e pertencentes
    ao Club de Debate da USC

Santiago, 7 de maio de 2015.- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o
reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, asistiron no Pazo
de Fonseca a un debate sobre o proxecto europeo, globalización e a integración
política e económica que supuxo a Unión Europea.

Esta iniciativa celebrouse co gallo do Día de Europa, que
se conmemora o 9 de maio, e na súa organización participaron tanto a Xunta de
Galicia, como a Fundación Galicia Europa e a Universidade de Santiago de Compostela.

O debate estivo protagonizado por estudantes
universitarios de distintas disciplinas académicas, como ciencias políticas,
dereito, matemáticas ou periodismo, e pertencentes ao Club de Debate da USC. A
cuestión central para centrar a discusión foi “É esta a Europa que queremos?”,
debido aos moitos retos políticos, económicos, sociais e demográficos aos que
se vén enfrontando a UE nos últimos anos.

Os argumentos xiraron en torno a cómo a globalización
está a modificar os marcos clásicos da política. Durante décadas, a Unión
Europea proporcionou estabilidade e prosperidade ao continente a través dun
proceso de integración política e económica sen precedentes, pero o entorno
mundial estase a transformar e a UE deberá adaptar os seus obxectivos e políticas
a unha nova situación xeopolítica global.

Os participantes disertaron sobre os retos aos que Europa
debe facer fronte na actualidade e que definirán o seu papel como actor global
nas próximas décadas. Ao reto demográfico e a perda de competitividade do seu
tecido produtivo debe engadirse a existencia de novas potencias emerxentes nos
eidos da investigación, innovación, desenvolvemento tecnolóxico ou enerxía, ao
tempo que debe preservar as políticas de sostibilidade e benestar que demandan
tradicionalmente os seus cidadáns.

Formato do debate

O acto desenvolveuse segundo o modelo da Cámara dos Comúns do Parlamento
británico, debatendo dous equipos, denominados “Schuman” e “Monet” en
conmemoración de dous dos pais fundadores da actual Unión Europea, enfrontáronse
dialecticamente a favor ou en contra da cuestión plantexada.

Un xurado, integrado por profesores universitarios e
expertos en asuntos europeos e comunicación, valorou a capacidade de
argumentación, o razoamento crítico, a capacidade de análise, a creatividade e
a oratoria, elixindo ao mellor orador entre os dous equipos. Cada equipo estivo
integrado por cinco persoas, que expresaron as súas opinións a favor ou en
contra do tema elixido en bancadas enfrontadas e cun atril lateral para a
exposición oral.