• As prácticas formativas consistirán na asistencia ás reunións en Bruxelas das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta para promover a participación galega en proxectos europeos de I+D+i
  • A bolsa terá unha duración dun ano e desenvolverase na oficina da FGE en Bruxelas
  • O prazo de presentación de solicitudes dá comezo mañá, 31 de xaneiro, e remata o vindeiro 28 de febreiro 
Bruxelas, 30 de xaneiro de 2019. A Fundación Galicia Europa (FGE) convoca, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), unha bolsa para a formación en materia de políticas e programas europeos no ámbito da innovación e a investigación destinada a titulados superiores universitarios. Esta é a cuarta convocatoria da bolsa de I+D+i tras a entrada de GAIN no padroado da FGE en xuño de 2015.
A bolsa terá unha duración dun ano e desenvolverase, principalmente, na oficina da FGE en Bruxelas. Tamén existe a posibilidade de que a persoa seleccionada realice breves periodos formativos nas dependencias de GAIN en Santiago de Compostela. 
O obxectivo da bolsa é a adquisición de coñecementos prácticos sobre políticas comunitarias relacionadas coa innovación e a investigación, a identificación das convocatorias, e a participación nas reunións das redes de cooperación rexional nas que participa a Xunta de Galicia para promover a participación galega en iniciativas de I+D+i, como son ERRIN (European Regions Research and Innovation Network) e a Vanguard Initiative.
A retribución bruta da bolsa será de 15.949,08 €. Ademais, o bolseiro recibirá unha axuda de 1.100€ en concepto de desplazamentos.
Requisitos para solicitar a bolsa
Para poder ser beneficiario da bolsa débese cumprir cos requisitos que se establecen no artigo 5 das bases reguladoras. Entre eles atópanse os seguintes:
– Posuír un nivel B2 ou superior la lingua inglesa. 
– Ser natural de Galicia, fillo de galegos ou acreditar mediante o empadroamento residencia en Galicia, polo menos desde os dous anos anteriores á publicación da convocatoria. 
– Posuír un título universitario de grao, licenciatura, enxeñaría ou equivalente. 
Ademais, non poderán presentarse a esta convocatoria bolseiros que gozasen deste programa formativo en convocatorias anteriores.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse de maneira obrigatoria mediante vía electrónica a través do formulario normalizado. Así, poderase utilizar calquera dos mecanismos de identificación e firma admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. 
O prazo de presentación de solicitudes dá comezo o 31 de xaneiro e finaliza o 28 de febreiro de 2019.
A Axencia Galega de Innovación 
A Axencia Galega de Innovación é unha axencia pública autonómica, adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria pero con personalidade xurídica propia, que ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas, e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.
A Fundación Galicia Europa
A Fundación Galicia Europa (FGE) é unha entidade instrumental do sector público autonómico creada en 1988 co fin de promover todas as accións que propicien o achegamento entre Galicia e Europa. Participada por diversas entidades públicas e privadas galegas, a Fundación está vinculada funcionalmente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia. Conta con dúas oficinas: unha en Santiago de Compostela e outra en Bruxelas, formando parte esta última das preto de 300 representacións rexionais establecidas na capital comunitaria.
Pódese acceder a todos os detalles da convocatoria a través da seguinte ligazón
A solicitude débese tramitar a través do seguinte enlace