- A
Fundación Galicia Europa organizou un encontro a nivel técnico para
preparar un primeiro borrador da declaración que as rexións atlánticas
presentarán sobre o Brexit
- O
obxectivo final é elaborar un documento de posición común que será levado
ás institucións europeas durante as negociacións de saída de Reino Unido
- A
de hoxe foi a terceira reunión da Task Force Brexit coordinada por
Galicia, no seo da Comisión do Arco Atlántico da CRPM
Bruxelas, 5 de
xullo de 2017. A oficina da Fundación Galicia Europa (FGE)
en Bruxelas acolleu hoxe un encontro a nivel técnico para preparar un primeiro
borrador da declaración que as rexións atlánticas presentarán sobre o Brexit.
Este primeiro documento será enviado ás rexións membros -incluída Galicia- para que poidan facer as súas
contribucións. A de hoxe foi a terceira reunión da Task Force (Grupo de Traballo) Brexit coordinada por Galicia, no seo da Comisión do Arco Atlántico
(CAA) da Conferencias de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM)
Brexit Task
Force (Grupo de Traballo)
A idea de crear un Grupo de Traballo específico sobre o
impacto que terá o Brexit nas rexións da cornixa atlántica da Unión Europea foi
impulsada polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de
Galicia, Jesús Gamallo, durante a reunión da Comisión Arco Atlántico en Les
Sables d´Olonne en Francia (2-3 de marzo). Esta proposta resultou aprobada polo
Arco Atlántico e Galicia coordina, desde a oficina en Bruxelas da Fundación
Galicia Europa, este grupo de estudo sobre o Brexit, que se enmarca nunha
iniciativa máis ampla da CRPM sobre o futuro de Europa. O mesmo día que a
primeira ministra británica, Theresa May, activou o Brexit invocando o artigo
50 do Tratado da UE (29 de marzo de 2017), Galicia presentou na FGE de Bruxelas
o Grupo de Traballo que dirixe no marco do Arco Atlántico, coa función de
recoller as consecuencias do Brexit para as rexións atlánticas.
O Grupo de Traballo coordinado por Galicia ten un triplo
obxectivo: informar as rexións atlánticas sobre os desenvolvementos do Brexit;
presentar unha declaración sobre o impacto da saída de Reino Unido nas rexións
atlánticas; e promover a presenza política ”atlántica” en temas
relacionados con Brexit. Para iso, o principal instrumento é un foro web, onde
se recompilan noticias e documentos de interese sobre o Brexit, así como o
posicionamento das distintas rexións atlánticas ante este proceso. Neste
sentido, a propia web da FGE puxo en funcionamento o 1 de marzo de 2017 un novo
apartado na súa web, no que se dá cabida a todas as novidades vinculadas a este
proceso histórico para a UE e, en especial, aquelas que afectan á política
rexional europea e a Galicia.
Tamén se atopan publicados informes de think tanks, numerosas análises sectoriais do Parlamento Europeo
entre o que destaca un sobre impacto pesqueiro, e o resumo da Opinión Xurídica
sobre “A retirada do Reino Unido da Unión Europea e as súas posibles
consecuencias para o sector pesqueiro en Galicia”, estudo encargado pola
Consellería do Mar. As dúas subseccións da ventá “Brexit” da FGE -Novas Brexit
e Documentos de interese- son actualizadas un mínimo de dúas veces á semana.
Declaración
Política da Comisión do Arco Atlántico (CAA) ante o Brexit
O propósito final de toda a información recollida é
elaborar unha Declaración Política de CAA sobre o Brexit, un papel de posición
fronte ao labirinto que a saída do Reino Unido significa. Este documento
conxunto será levado ás institucións europeas durante as negociacións no outono
de 2018, á vez que pretende que as preocupacións da rexións do Arco Atlántico
sobre o Brexit sexan un tema sobre a mesa no ámbito político europeo.