O lobby ciclista europeo aspira a un investimento de 6.000 M€ para habilitar infraestruturas seguras que contribúan a un verdadeiro cambio no modo de transporte que faga reducir as emisión de CO2, en liña co Pacto Verde
A Federación Europea de Ciclistas aspira a mobilizar 10.000 M€ dentro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia: a metade para infraestrutura  e a outra metade para incentivos ao uso da bicicleta
Bruxelas, 19 de febreiro de 2021. Ven de publicarse a “Guía sobre como programar os fondos estruturais para investimentos en ciclismo”, da Federación Europea de Ciclistas (ECF) para difundir entre os xestores de fondos. 
Durante a pandemia, moitas rexións e cidades aproveitaron para mellorar as súas infraestruturas ciclistas. A Comisión Europea confía en que esta tendencia continúe tras a crise sanitaria, afirmando que a habilitación de carrís-bici crea un 30% máis de postos de traballo que os proxectos de infraestrutura tradicionais. A ECF calcula en 150.000 M€ os beneficios derivados do uso da bicicleta e que o sector dá emprego a 650.000 persoas na UE. Se no período 14-20 se investiron 2.000 M€ neste eido, o lobby ciclista europeo aspira agora a un investimento de 6.000 M€ para habilitar infraestruturas seguras que contribúan a un verdadeiro cambio no modo de transporte que faga reducir as emisión de CO2, en liña co Pacto Verde.
A versión para España da guía pode consultarse nesta ligazón (en español). Nela se analizan as recomendacións da UE para España dos dous últimos anos -que han de guiar a programación de fondos-, se recomenda como incluír os investimentos ciclistas nos documentos de programación e explícanse tres exemplos a modo de referencia: infraestrutura ciclista na cidade de Valencia, a rede provincial de rutas turísticas de Malopolska (PO) e as conexión ciclistas periurbanas en Bélxica. A guía fai especial fincapé no cicloturismo, como un modo de reavivar o sector turístico, gravemente afectado pola pandemia.
A ECF tamén publica unha guía sobre como investir neste sector dentro dos Plans Nacionais de Recuperación. A ECF aspira a mobilizar 10.000 M€ dentro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia: a metade para infraestrutura  e a outra metade para incentivos ao uso da bici como as axudas para comprar bicis eléctricas e de carga ou a instalación de bicis de uso compartido nas cidades de máis de 50.000 habitantes. Os borradores dos plans francés e polaco xa contemplan investimentos deste tipo. A ECF dá ideas sobre como integrar estes investimentos nos plans nacionais de acordo coa plantilla publicada pola Comisión Europea