• A mostra achega unha descuberta suxestiva polo galego no marco da celebración do Ano Internacional das Linguas.
  • “As nosas palabras, os nosos mundos”, ven de percorrer cidades coma Santiago de Compostela, Vilagarcía de Arousa ou Bilbao.
  • A exposición estará presente en Bruselas do 22 de setembro ao 3 de outubro e conta coa colaboración da Fundación Galicia Europa

Bruselas, 15 de setembro de 2008– A exposición “As nosas palabras, os nosos mundos”, promovida pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, para celebrar o Ano Internacional das Linguas e o Ano Europeo do Diálogo Intercultural, chegará a Bruselas o próximo 22 de setembro, tras visitar varias cidades galegas e españolas. Esta mostra multimedia, que conta coa colaboración da Fundación Galicia Europa, nace co obxecto de contribuír á difusión do plurilingüismo como garantía dunha boa convivencia global e para promover o valor da lingua propia no contexto da diversidade lingüística do mundo. “As nosas palabras, os nosos mundos” a través dun espazo expositivo de 500 metros cadrados permite facer un percorrido suxestivo pola historia da lingua galega e achegarse á vitalidade do galego na actualidade. Os visitantes poderán achegarse ao galego e á diversidade lingüística dunha forma activa, experimental e sensitiva grazas a diferentes elementos visuais, gráficos e sonoras. A visita pódese realizar en sete idiomas –galego, castelán, catalán, éuscaro, inglés, francés e neerlandés-flamengo-, aos que se suman outras 25 linguas con presenza na exposición.


Catro bloques temáticos
“As orixes” é o punto de partida da exposición. Esta primeira parte do percorrido introduce ao visitante no misterio do nacemento da linguaxe, coas primeiras novas sobre a súa orixe (petróglifos, pinturas rupestres…). A través de coreografías de sons, luces, sombras e transparencias descóbrense as diferentes formas de comunicación humana. A visita desemboca na “árbore das linguas”, que axuda a entender a evolución histórica e a diversidade dos idiomas.
No módulo denominado “Isto é galego” o visitante pode descubrir a historia da lingua galega desde a Idade Media ata os nosos días, a través de personaxes e acontecementos sociais, culturais e políticos significativos.
Os contidos do terceiro bloque temático apostan pola sustentabilidade lingüística a través dun xogo de escoita que permite coñecer o son de múltiples linguas de orixe diversa. “As nosas palabras, os nosos mundos” pon en valor a diversidade lingüística do planeta, o valor do plurilingüismo e a riqueza da multiculturalidade.
Por último, “A nosa lingua na nosa vida” é unha ollada ao galego como lingua de creación nunha sociedade dinámica e produtiva. Aquí amósanse exemplos de recursos da lingua galega nos distintos ámbitos da sociedade (novas tecnoloxías, música, literatura, cine, ferramentas de traballo, etiquetaxe).

Bruselas
A exposición multimedia itinerante “A nosas palabras, os nosos mundos”, que conta co patrocinio institucional do comisario europeo de Multilingüismo, Leonard Orban, poderá visitarse nas dependencias de Comisión Europea, na Plaza Madou de Bruselas, desde o 22 de septembro ata o 3 de outubro. Con posterioridade, a mostra percorrerá outras cinco cidades galegas –Vigo, A Coruña, Pontevedra, Lugo e Ourense–. Tamén se instalará en Madrid, Barcelona e Sevilla, e visitará Bos Aires

Visita virtual
En paralelo á exposición, nace o sitio www.asnosaspalabras.org, a primeira web galega sobre a diversidade lingüística que pretende converterse nun referente para a promoción e defensa do ecosistema lingüístico. A través desta páxina, que permanecerá activa unha vez rematada a exposición, poderá realizarse unha visita virtual á mostra e descubrir contidos sobre o galego e as linguas do mundo.