- Son un total de 12 sesións formativas a desenvolver nos diferentes Espazos Xove localizados nas catro capitais de provincia galegas.
- Poderán participar mozas e mozos galegos e portugueses entre os 18 e os 30 anos de idade.
- Recibirán apoio orientado a mellorar as oportunidades de emprego, como axuda para a organización e planificación de metas profesionais ou para a elaboración dun currículo e unha carta de presentación.
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019. A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convoca 12 sesións de coaching que se desenvolverán en diferentes Espazos Xove de Galicia ao abeiro do proxecto Lidera entre os meses de setembro e novembro. A iniciativa, que leva por nome “Crea o teu camiño profesional”, ten como obxectivo apoiar á xente nova no seu itinerario persoal e profesional coa formación en habilidades transversais que melloren as súas oportunidades de emprego e emprendemento.
As xornadas están dirixidas a mozas e mozos galegos e portugueses con idades comprendidas entre os 18 e os 30. O prazo para anotarse xa está aberto e as persoas interesadas poderán facelo ata o día anterior da realización da actividade. A inscrición farase por vía electrónica e tanto o formulario como as datas cos horarios e lugares de celebración das sesións está dispoñible na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Para a celebración de cada sesión terá que haber un mínimo de catro inscritos e un máximo de 15. A admisión será por orde de inscrición, ata cubrir a totalidade das prazas en cada Espazo Xove, e as persoas solicitantes que resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico de confirmación da praza.
Os participantes recibirán apoios orientados a aumentar as súas opcións de entrar no mercado laboral, como axuda na organización e planificación de metas profesionais ou na confección dun currículo e dunha carta de presentación. Tamén analizarán a procura de emprego a través de internet para o que se valorarán aspectos como a imaxe persoal nas redes sociais e nos portais de emprego e emprendemento.
Proxecto LIDERA
Esta actividade enmárcase no proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA), aprobado ao abeiro do programa Interreg V-A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e que ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento das mozas e mozos do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692,93 euros cunha financiación dun 75 % de fondos Feder e unha duración de catro anos (2016-2019).
Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.
Esta iniciativa formativa forma parte da actividade “Cataliza” que ten como obxectivo mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos e ideas da xuventude mediante a realización de actividades de tutorización e asesoramento individualizado, formación especializada e coaching persoal.
Obteña máis información do proxecto LIDERA aquí.
Fonte: Xunta de Galicia