Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Enerxía » A Comisión reforza a transición ecolóxica e afástase do gas ruso acelerando a concesión de permisos para as enerxías renovables

A Comisión reforza a transición ecolóxica e afástase do gas ruso acelerando a concesión de permisos para as enerxías renovables

14/11/2022 | ,

— A Comisión Europea propuxo un novo Regulamento temporal de emerxencia para acelerar a implantación de fontes de enerxía renovables. 

Bruxelas, 14 de novembro de 2022. Co novo regulamento temporal de emerxencia, a Comisión Europea ten como obxectivo a diversificación de subministracións e un maior uso de enerxía renovable para poñer fin á nosa dependencia dos combustibles fósiles rusos. As enerxías renovables reducen a demanda de combustibles fósiles da UE nos sectores da electricidade, a calefacción e a refrixeración, a industria e o transporte, tanto a curto prazo como no futuro. Grazas aos seus baixos custos operativos, unha maior proporción de fontes de enerxía renovables no sistema enerxético da UE pode axudar a reducir a factura enerxética.

A actual crise enerxética esixe medidas inmediatas e específicas para acelerar o plan REPowerEU. O Consello Europeo pediu que se axilizasen os procedementos de concesión de permisos para acelerar a implantación das enerxías renovables.

A proposta aplicarase durante un ano e durará o tempo necesario para a adopción e a transposición en todos os Estados membros da Directiva sobre fontes de enerxía renovables. Céntrase en tecnoloxías e tipos de proxectos específicos que teñen o máximo potencial para implantarse de maneira rápida e co menor impacto posible no medio ambiente, de modo que contribúen á nosa seguridade enerxética ante a invasión de Ucraína por parte de Rusia e a militarización das súas subministracións enerxéticas.

Interese público superior

Conforme a proposta, as plantas de enerxía renovable consideraríanse de interese público superior. Iso permitiría que se puxesen en marcha novos procedementos de autorización para que estas plantas beneficiásense con efecto inmediato dunha avaliación simplificada para a aplicación das excepcións específicas previstas na lexislación ambiental da UE.

Enerxía solar

Dada a actual volatilidade dos prezos da electricidade, posibilitar procedementos de concesión de permisos moito máis rápidos (máximo dun mes) acelerará o ritmo de instalación de equipos solares en estruturas artificiais. A proposta de Regulamento do Consello tamén exime a estas instalacións da necesidade de levar a cabo determinadas avaliacións ambientais.

Repotenciación das centrais de enerxía renovable

A proposta simplifica o proceso de concesión de permisos aplicable á repotenciación dos proxectos de enerxía renovable mediante a inclusión de todas as avaliacións ambientais pertinentes no novo prazo máximo de seis meses. A proposta tamén especifica que as avaliacións ambientais deben limitarse a avaliar as posibles repercusións da modificación ou ampliación respecto do proxecto orixinal. Ademais, introduce un procedemento simplificado para as conexións á rede nos casos en que a repotenciación non supere un aumento do 15 % da capacidade total respecto do proxecto orixinal.

Bombas de calor

Co fin de axilizar a implantación desta tecnoloxía, a proposta acelera os procedementos de concesión de permisos mediante a introdución dun prazo máximo de tres meses e dun procedemento simplificado para a conexión á rede de bombas de calor máis pequenas.

Contexto

A proposta do novo regulamento xorde da petición do Consello Europeo celebrado o pasado outubro para acelerar os procedementos de autorización de renovables. A proposta complementa outras medidas xa adoptadas no marco de RePowerEU.

Como parte do plan RePowerEU, a Comisión adoptou unha proposta de modificación da Directiva sobre fontes de enerxía renovables, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables, da Directiva de eficiencia enerxética e da Directiva relativa á eficiencia enerxética dos edificios, co fin de acelerar a transición cara a unha enerxía limpa e aumentar a eficiencia enerxética.

A crise enerxética agravouse desde a publicación do plan REPowerEU, sobre todo coa invasión de Ucraína por parte de Rusia e a utilización de recursos enerxéticos por parte de esta como arma de chantaxe á Unión Europea. Así, a Unión adoptou varias medidas para reducir a demanda de gas e electricidade e interveu nos mercados da enerxía para facer fronte ao impacto da crise nos consumidores da UE. Con todo, a situación segue sendo difícil e pon en perigo a seguridade da subministración en Europa.

Máis información: Comisión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data