• Estas medidas baséanse nos coñecementos do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECD) e nos intercambios co Comité de Seguridade Sanitaria.
  • As directrices abarcan medidas encamiñadas á reapertura segura dos sectores cultural e creativo e accións de apoio para unha recuperación sostible. 
Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021. A Comisión vén de publicar unhas directrices para garantir a reapertura segura do sector cultural e creativo en toda a Unión Europea. O obxectivo é dotar dunha guía e dun enfoque coordinado para o deseño e aplicación de medidas e protocolos nos diferentes países comunitarios para acadar a recuperación sostible do sector, en tanto que foi un dos máis afectados pola situación epidemiolóxica.
As directrices, que recoñecen o papel fundamental do sector para o benestar e saúde mental das persoas, abarcan, por unha parte, medidas encamiñadas á reapertura segura dos sectores, e por outra parte, accións de apoio para unha recuperación sostible. Ademais, están basadas nos coñecementos do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECD) e nos intercambios co Comité de Seguridade Sanitaria. Ademais, tamén proporcionan os indicadores e criterios que deben terse en conta ao planificar a reanudación de determinadas actividades.
Máis concretamente, as directrices recomendan as seguintes medidas e protocolos:
  • Unha eliminación das restricións estratéxica e gradual, cun número limitado de participantes ao principio que permita avaliar a situación epidemiolóxica.
  • Os centros culturais deben contar cun plan de preparación no que se detallen os protocolos de actuación no caso de que se detecten casos de COVID-19.
  • Deben facilitarse información concreta ou cursos de formación específicos a todo o persoal dos centros culturais para minimizar os riscos de infección.
  • Debe fomentarse a vacinación das persoas que traballan en contornas culturais para garantir tanto a súa protección como a do público xeral.
  • Pódese solicitar aos participantes que presenten unha proba con resultado negativo, unha proba de vacinación, ou unha proba de diagnóstico de COVID-19 para que poidan acceder ao centro.
  • Os centros deben asegurarse de que dispoñen dos datos de contacto do público, polo si ou polo non son necesarios para o rastrexo de contactos.
  • O centro debe establecer medidas de protección específicas: manter o distanciamento social sempre que sexa posible, contar con instalacións limpas e accesibles para o lavado de mans, realizar unha ventilación adecuada e limpar frecuentemente as superficies. O uso de máscaras por parte dos asistentes constitúe unha importante medida complementaria.
A reapertura dos centros culturais debe ir acompañada de varias accións destinadas a garantir a recuperación sostible de todo o sector. As accións a nivel da UE complementan as que adoptaron tanto os Estados membros como os sectores cultural e creativo.
Convídase aos Estados membros a que aproveiten o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia para inverter nos sectores e mellorar a súa resiliencia, así como a apoiarse noutros programas como Europa Creativa, Europa Dixital ou Horizonte Europa.
En outono de 2021, a Comisión publicará unha guía en liña sobre o financiamento da UE en materia de cultura, que incluirá todos os fondos existentes a disposición dos Estados membros e do sector.
Máis información