Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Política de Competencia »A Comisión prorroga determinados instrumentos do marco temporal de crise e transición relativo ás axudas estatais de cara ao inverno
— A Comisión Europea adoptou unha modificación do marco temporal de crise e transición relativo ás axudas estatais pola que se prorrogan seis meses algunhas seccións do marco.
— Estas seccións están destinadas a achegar unha resposta ás crises tras a agresión de Rusia contra Ucraína e a subida sen precedentes dos prezos da enerxía.
Bruxelas, 20 de novembro de 2023. Tendo en conta as observacións recibidas dos Estados membros, a modificación de hoxe apraza a eliminación progresiva das disposicións que permiten aos Estados membro conceder importes limitados de axuda (sección 2.1 do marco) e axudas para compensar os elevados prezos da enerxía (sección 2.4 do marco).
Grazas a este axuste parcial do calendario de eliminación progresiva do marco temporal de crise e transición, os Estados membro poderán manter os seus réximes de axudas de forma que cubran a próxima tempada invernal de uso da calefacción como rede de seguridade no caso de que determinadas empresas sigan véndose afectadas polas perturbacións económicas causadas pola guerra de Rusia contra Ucraína.
Ao mesmo tempo, os Estados membro dispoñerán de máis tempo máis aló desa tempada invernal para aplicar as medidas que poidan necesitar. Esto axudará aos Estados membro á hora de levar á práctica esa medidas.
Axuste do calendario de eliminación progresiva do marco temporal de crise e transición
Desde o inicio da guerra de Rusia contra Ucraína e no contexto dos seus efectos directos e indirectos na economía da UE, o marco temporal de crise relativo ás medidas de axuda estatal, adoptado por primeira vez o 23 de marzo de 2022, modificado posteriormente en xullo e outubro de 2022 e substituído o 9 de marzo de 2023 polo marco temporal de crise e transición, permite aos Estados membro prestar un apoio oportuno, específico e proporcionado ás empresas que o necesiten.
O marco permitiu aos Estados membro actuar con rapidez e eficacia para axudar ás empresas afectadas polas considerables incertezas económicas, as perturbacións nos fluxos comerciais e as cadeas de subministración, e as subidas de prezos excepcionalmente amplas e inesperadas, concretamente do gas natural, a electricidade e outros moitos insumos e materias primas e produtos básicos. Estes efectos, considerados no seu conxunto, causaron graves perturbacións na economía de todos os Estados membros en diversos sectores económicos.
Mentres prosegue a guerra de agresión de Rusia contra Ucraína, a situación económica da UE está a demostrar a súa resiliencia fronte ás perturbacións que sufriu. A situación dos mercados da enerxía e, concretamente, dos prezos medios do gas e da electricidade parece estabilizarse.
Aínda que os riscos de escaseza de subministración de enerxía diminuíron en xeral, grazas entre outras cousas ás medidas adoptadas polos Estados membros para diversificar as fontes de enerxía, as previsións económicas de outono de 2023 indican que a guerra en curso de Rusia contra Ucraína e as tensións xeopolíticas máis en xeral seguen expondo riscos e constituíndo motivos de incerteza. A pesar da tendencia xeral positiva, os mercados da enerxía seguen sendo vulnerables.
Tendo en conta as observacións recibidas dos Estados membro con ocasión da enquisa do 20 de xullo de 2023 e unha consulta celebrada o 6 de novembro de 2023, a Comisión adoptou modificacións das disposicións do marco temporal de crise e transición para que os Estados membro poidan conceder:
- Importes limitados de axuda (sección 2.1 do marco): Esta sección prorrogarase seis meses, ata o 30 de xuño de 2024. Ademais, os topes fixados aos importes limitados de axuda increméntanse para cubrir a tempada invernal de uso da calefacción: de 250 000 euros a 280 000 euros no sector da agricultura, de 300 000 euros a 335 000 euros nos sectores da pesca e acuicultura, e de 2 millóns de euros a 2,25 millóns de euros nos demais sectores.
- Axudas para compensar os elevados prezos da enerxía (sección 2.4 do marco): Esta sección prorrogarase seis meses e seguirase aplicando ata o 30 de xuño de 2024. Conforme esta sección, os Estados membro poderán seguir concedendo axudas para sufragar parte dos custos adicionais da enerxía unicamente na medida en que os prezos daquela superen considerablemente os niveis anteriores á crise.
Estas dúas modificacións permitirán aos Estados membro, en caso necesario, ampliar os seus réximes de axudas e velar por que as empresas aínda afectadas pola crise non queden excluídas das axudas necesarias na próxima tempada invernal de uso da calefacción.
Ao mesmo tempo, a prórroga facilitará a posta en práctica dos réximes de axudas dos Estados membro, deixándolles tempo suficiente para facelo ata finais de xuño de 2024.
Os cambios adoptados con esta modificación non afectan as disposicións restantes do marco temporal de crise e transición:
- As demais seccións do marco relacionadas coa crise (as seccións 2.2. e 2.3. sobre o apoio á liquidez en forma de garantías estatais e préstamos bonificados, e a sección 2.7 sobre medidas destinadas a apoiar a redución da demanda de electricidade) non se prorrogarán máis aló da súa data de expiración actual, é dicir, o 31 de decembro de 2023.
As seccións do marco que se refiren á transición cara a unha economía de cero emisións netas, que son necesarias para seguir descarbonizando a economía europea e acelerar a súa independencia dos combustibles fósiis (seccións 2.5, 2.6 e 2.8), non se verán afectadas pola modificación actual e seguirán estando dispoñibles ata o 31 de decembro de 2025.
A Comisión seguirá supervisando de cerca a evolución económica e estará lista para reaccionar con rapidez se se produce unha nova situación de crise.
Con todo, non ten previsto consultar de novo aos Estados membro sobre os instrumentos específicos relacionados coa crise do marco temporal de crise e transición, que se eliminarán gradualmente ata o 30 de xuño de 2024.
Contexto
O marco temporal de crise relativo ás axudas estatais, adoptado o 23 de marzo de 2022, permite aos Estados membro utilizar a flexibilidade prevista nas normas sobre axudas estatais co fin de soster a economía no contexto da guerra de Rusia contra Ucraína. O marco temporal de crise modificouse o 20 de xullo de 2022 para complementar o paquete de preparación para o inverno e en consonancia cos obxectivos do Plan REPowerEU.
O marco temporal de crise modificouse de novo o 28 de outubro de 2022 en consonancia co Regulamento relativo a unha intervención de emerxencia para facer fronte aos elevados prezos da enerxía e o Regulamento polo que se reforza a solidariedade mediante unha mellor coordinación das compras de gas, referencias de prezos fiables e intercambios de gas transfronteirizos.
A Comisión Europea adoptou o 9 de marzo de 2023 un novo marco temporal de crise e transición para fomentar medidas de apoio en sectores crave para a transición cara a unha economía de cero emisións netas, en consonancia co Plan Industrial do Pacto Verde.
O marco temporal de crise e transición, na súa versión modificada, prevé a posibilidade de que os Estados membro concedan os tipos de axudas seguintes:
- Importes limitados de axuda (sección 2.1.), en calquera forma e ata o 30 de xuño de 2024, para as empresas afectadas pola crise actual ou polas consecuentes sancións e contrasancións ata o importe incrementado de 280.000 euros e 335.000 euros nos sectores da agricultura e da pesca e acuicultura, respectivamente, e de ata 2,25 millóns de euros nos demais sectores.
- Apoio á liquidez en forma de garantías estatais e préstamos bonificados (seccións 2.2. e 2.3). En casos excepcionais e con suxeición a estritas salvaguardias, os Estados membros poden proporcionar aos servizos públicos de subministración de enerxía para as súas actividades de negociación garantías públicas que superen o 90% da cobertura, cando se ofrezan como garantía financeira sen financiamento a entidades de contrapartida central ou membros compensadores. Estas seccións só son aplicables ata o 31 de decembro de 2023 e non foron modificadas.
- Axudas para compensar os elevados prezos da enerxía (sección 2.4). As axudas, que poden concederse en calquera forma, compensarán parcialmente ás empresas, e en particular ás grandes consumidoras de enerxía, polos custos adicionais derivados das subidas excepcionais dos prezos do gas e da electricidade ata o 30 de xuño de 2024. As axudas concretas poden calcularse baseándose no consumo pasado ou no consumo actual, tendo en conta a necesidade de manter intactos os incentivos de mercado para a redución do consumo de enerxía e de garantir a continuidade das actividades económicas. Ademais, os Estados membros poden conceder axudas de forma flexible, tamén aos sectores de gran consumo de enerxía especialmente afectados, con suxeición a salvaguardias para evitar unha compensación excesiva e incentivar a redución da pegada de carbono en caso de importes de axuda superiores a 50 millóns de euros. Tamén se convida aos Estados membro para estudar, de maneira non discriminatoria, o establecemento de requisitos relacionados coa protección do medio ambiente ou a seguridade da subministración.
- Medidas para acelerar a implantación de enerxías renovables (sección 2.5). Os Estados membro poden establecer sistemas de investimento en enerxías renovables, por exemplo, hidróxeno renovable, biogás e biometano, almacenamento e calor renovable, mesmo por bombas de calor, con procedementos de licitación simplificados que poidan aplicarse rapidamente, á vez que se contemplan salvaguardias suficientes para preservar a igualdade de condicións. En particular, os Estados membro poden planear réximes para unha tecnoloxía concreta que requiran axuda tendo en conta a súa combinación enerxética nacional específica. Simplificáronse as condicións para a concesión de axudas a pequenos proxectos e tecnoloxías menos maduras, tales como o hidróxeno renovable, eliminando a necesidade de levar a cabo unha licitación pública, sempre que existan determinadas salvaguardias. En virtude destes réximes, as axudas poden concederse ata o 31 de decembro de 2025. Tras esa data, seguirán aplicándose as normas habituais sobre axudas estatais, incluídas concretamente as disposicións correspondentes das Directrices sobre axudas estatais en materia de clima, protección do medio ambiente e enerxía.
- Medidas que faciliten a descarbonización dos procesos industriais (sección 2.6). Para acelerar aínda máis a diversificación da subministración de enerxía, os Estados membro poden soster investimentos destinados a unha eliminación gradual dos combustibles fósiis, concretamente a través da electrificación, a eficiencia enerxética e a transición ao uso de hidróxeno renovable e baseado na electricidade que cumpra determinadas condicións, con posibilidades máis amplas de apoio á descarbonización dos procesos industriais mediante a adopción de combustibles derivados do hidróxeno. Os Estados membro poden i) establecer novos réximes baseados en licitacións, ou ii) brindar un apoio directo aos proxectos, sen recorrer á licitación pero respectando certos límites en canto á porcentaxe de axuda pública por investimento. Prevense primas complementarias específicas para as pequenas e medianas empresas, así como para as solucións especialmente eficientes desde o punto de vista enerxético. A falta de licitacións, introduciuse un método máis sinxelo para determinar o nivel máximo de axuda. En virtude destes réximes, as axudas poden concederse ata o 31 de decembro de 2025. Tras esa data, seguirán aplicándose as normas habituais sobre axudas estatais, incluídas concretamente as disposicións correspondentes das Directrices sobre axudas estatais en materia de clima, protección do medio ambiente e enerxía.
- Medidas destinadas a soster a redución da demanda de electricidade (sección 2.7), en consonancia co Regulamento da UE relativo a unha intervención de emerxencia para facer fronte aos elevados prezos da enerxía, ata o 31 de decembro de 2023.
- Medidas para seguir acelerando os investimentos en sectores crave para a transición cara a unha economía de cero emisións netas (sección 2.8), que permiten prestar asistencia financeira para a fabricación de equipos estratéxicos, sobre todo baterías, paneis solares, turbinas eólicas, bombas de calor, electrolizadores e captura e almacenamento de carbono, así como para a fabricación de compoñentes clave e para a produción e a reciclaxe das materias primas fundamentais conexas. Máis concretamente, os Estados membros poden deseñar réximes sinxelos e eficaces polos que concedan axudas limitadas a unha determinada porcentaxe dos custos de investimento ata importes nominais específicos, en función da localización do investimento e do tamaño do beneficiario, cun maior apoio posible para as pequenas e medianas empresas (pemes), así como para as empresas situadas en rexións desfavorecidas, a fin de velar por que se teñan debidamente en conta os obxectivos de cohesión. Ademais, en casos excepcionais, os Estados membro poden conceder axudas máis cuantiosas a empresas concretas cando exista un risco real de que os investimentos se poidan desviar de Europa debido a subvencións de terceiros países. En virtude destes réximes, as axudas poden concederse ata o 31 de decembro de 2025.
As entidades rusas, bielorrusas e iranianas sancionadas polas súas accións que menoscaban ou ameazan a integridade territorial, a soberanía e a independencia de Ucraína quedan excluídas do ámbito de aplicación destas medidas.
Máis información: Comisión Europea