Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Enerxía » A Comisión presenta propostas adicionais para loitar contra os elevados prezos da enerxía e garantir a seguridade da subministración

A Comisión presenta propostas adicionais para loitar contra os elevados prezos da enerxía e garantir a seguridade da subministración

19/10/2022 | ,

— A Comisión propón hoxe un novo Regulamento de emerxencia para facer fronte aos elevados prezos do gas na UE e garantir a seguridade da subministración este inverno.

Bruxelas, 19 de outubro de 2022. Para facer fronte aos elevados prezos do gas e para gantir a seguridad da subministratión, levarase a cabo mediante a compra conxunta de gas, mecanismos de limitación de prezos na bolsa do gas do TTF, novas medidas sobre o uso transparente das infraestruturas e a solidariedade entre os Estados membros, e esforzos continuos para reducir a demanda de gas. O Regulamento contén os seguintes elementos principais:

  • A agregación da demanda da UE e a compra conxunta de gas para negociar mellores prezos e reducir o risco de que os Estados membros poxen entre si no mercado mundial, garantindo ao mesmo tempo a seguridade da subministración en toda a UE.
  • A promoción do traballo para establecer uns novos prezos de referencia do GNL como moi tarde en marzo de 2023; e, a curto prazo, a proposta dun mecanismo de corrección de prezos co fin de establecer un límite dinámico de prezos para as transaccións na bolsa do gas do TTF, e unha banda de prezos temporal para evitar subidas extremas dos prezos nos mercados de derivados.
  • Normas de solidariedade por defecto entre Estados membros en caso de escaseza de subministración, cunha ampliación da obrigación de solidariedade aos Estados membros sen conexión directa por gasoduto para incluír tamén aos que dispoñen de instalacións de GNL; e unha proposta para crear un mecanismo de asignación de gas para os Estados membros afectados por unha emerxencia de subministración de gas a escala rexional ou da Unión.

En combinación coas medidas xa acordadas sobre a redución da demanda de gas e electricidade, o almacenamento de gas e a redistribución dos beneficios excedentarios do sector enerxético, estas novas medidas mellorarán a estabilidade dos mercados europeos do gas este inverno e máis adiante. As medidas tamén contribuirán a mitigar aínda máis a presión sobre os prezos que experimentan os cidadáns e a industria europeos, garantindo ao mesmo tempo a seguridade da subministración e o funcionamento do mercado interior. A Comisión proseguirá o seu labor noutros ámbitos, como a revisión do marco temporal de crise relativo ás medidas de axuda estatal a finais deste mes e o desenvolvemento de formas de limitar o impacto dos elevados prezos do gas nos prezos da electricidade.

Ademais, a Comisión levará a cabo unha avaliación das necesidades de REPowerEU a fin de acelerar a transición cara a unha enerxía limpa e evitar a fragmentación no mercado único, con vistas a presentar propostas para mellorar a capacidade financeira da UE para REPowerEU. A Comisión tamén propón un uso flexible e selectivo do financiamento da política de cohesión para facer fronte ás repercusións da actual crise enerxética nos cidadáns e as empresas, utilizando ata o 10 % da asignación nacional total para o período 2014-2020, por un valor próximo aos 40 000 millóns de euros.

Compra conxunta

Aínda que a UE realizou grandes progresos no enchido do seu almacenamento de gas para este inverno, con máis do 92 % a día de hoxe, debemos prepararnos para posibles novas perturbacións e sentar unhas bases sólidas para o próximo ano. Por tanto, propoñemos dotar á UE de novos instrumentos xurídicos para a compra conxunta de gas. A Comisión contrataría a un provedor de servizos para organizar a agregación da demanda a escala da UE, agrupando as necesidades de importación de gas e buscando ofertas no mercado para satisfacer a demanda. Propoñemos unha participación obrigatoria das empresas dos Estados membros na agregación da demanda da UE para cumprir polo menos o 15 % dos seus respectivos obxectivos de enchido do almacenamento. As empresas poderían formar un consorcio europeo de compra de gas, de conformidade coas normas de competencia da UE. A compra conxunta axudará aos Estados membros máis pequenos e, en particular, ás empresas que se atopen nunha situación menos favorable como compradoras a acceder aos volumes de gas en mellores condicións.

O Regulamento tamén inclúe disposicións para aumentar a transparencia das compras de subministración de gas previstas e concluídas, a fin de avaliar se se cumpren os obxectivos de seguridade da subministración e de solidariedade enerxética. Debe informarse á Comisión antes da conclusión de calquera compra de gas ou memorando de entendemento por encima dun volume de 5 TWh (algo máis de 500 millóns de metros cúbicos). A Comisión pode formular unha recomendación no caso de que poida existir un impacto negativo no funcionamento da compra conxunta, o mercado interior, a seguridade da subministración ou a solidariedade enerxética.

Facer fronte aos elevados prezos do intercambio de gas

Aínda que os prezos por xunto diminuíron desde o máximo alcanzado no verán de 2022, seguen en niveis elevados insostibles para unha cantidade cada vez maior de europeos. Sobre a base do noso traballo previo cos Estados membros para mitigar o impacto dos elevados prezos da electricidade e redistribuír os beneficios excesivos do sector enerxético aos cidadáns e á industria, hoxe propoñemos unha intervención máis específica nos prezos de mercado do gas. Moitos contratos de gas en Europa están indexados á principal bolsa europea do gas, o TTF, que xa non reflicte con precisión o prezo das transaccións de GNL na UE. Así pois, a Comisión está a desenvolver uns novos prezos de referencia complementarios coa ACER para facer fronte a este desafío sistémico. O novo valor de referencia proporcionará prezos estables e previsibles para as transaccións de GNL. En virtude da proposta de Regulamento, a Comisión encomendaría á ACER a creación dun instrumento obxectivo de avaliación diaria de prezos e, posteriormente, un valor de referencia que poderían utilizar os operadores do mercado da enerxía para indexar o prezo nos seus contratos de gas.

Mentres se desenvolve este valor de referencia, a Comisión propón establecer un mecanismo para limitar os prezos a través da principal bolsa europea do gas, o TTF, que se activará cando sexa necesario. O mecanismo de corrección de prezos establecería, con carácter temporal, un límite de prezos dinámico para as transaccións no TTF. Non se permitirían as transaccións a un prezo superior ao límite dinámico no TTF, o cal contribuirá a evitar unha volatilidade extrema e uns prezos excesivos. Ademais, para limitar a excesiva volatilidade dos prezos e evitar subidas extremas dos prezos nos mercados de derivados enerxéticos, a Comisión propón a introdución dunha nova banda temporal de aumento brusco dos prezos intradiarios que deberán establecer os mercados de derivados da UE. Este mecanismo protexerá aos operadores de enerxía dos grandes movementos de prezos intradiarios.

Para aliviar os problemas de liquidez aos que se enfrontan actualmente moitas empresas enerxéticas á hora de cumprir os seus requisitos en materia de marxes cando utilizan os mercados de derivados, a Comisión adoptou hoxe novas normas para os participantes nos mercados, que amplían a lista de garantías admisibles con carácter temporal ás garantías distintas do efectivo, como as garantías do Estado. En segundo lugar, a Comisión adoptou novas normas para aumentar o limiar de compensación de 3 000 a 4 000 millóns de euros. Por baixo deste limiar, as empresas non financeiras non estarán suxeitas a requisitos en materia de marxes en relación cos seus derivados OTC. Ambas as medidas proporcionarán un alivio moi necesario ás empresas, garantindo ao mesmo tempo a estabilidade financeira. A introdución destas medidas é consecuencia dunha ampla consulta cos reguladores europeos e nacionais, así como coas partes interesadas e os participantes nos mercados. Por último, a ACER e a Autoridade Europea de Valores e Mercados (AEVM) están a intensificar a súa cooperación mediante a creación dun novo grupo de traballo conxunto, co fin de reforzar as súas capacidades para supervisar e detectar posibles manipulacións e abusos dos mercados enerxéticos europeos en man e de derivados, como medida cautelar para protexer a estabilidade do mercado.

Solidariedade e redución da demanda

A Comisión está a supervisar de preto as medidas de redución da demanda. A análise preliminar baseada nos informes dos Estados membros mostra que, en agosto e setembro, o consumo de gas da UE sería aproximadamente un 15 % inferior á media dos cinco anos anteriores. Necesitaranse esforzos similares todos os meses ata marzo para cumprir o Regulamento do Consello. Os Estados membros informarán cada dous meses dos seus progresos. A Comisión está disposta a declarar a alerta da UE ou a revisar os obxectivos se as medidas actuais resultan insuficientes. Para reforzar a preparación ante posibles emerxencias, a Comisión tamén propón medidas que permitan aos Estados membros reducir aínda máis o consumo non esencial para garantir a subministración de gas a servizos e industrias esenciais, e ampliar a protección solidaria co fin de cubrir os volumes críticos de gas para a xeración de electricidade. Isto non debe afectar en ningún caso ao consumo daqueles fogares que sexan consumidores vulnerables.

Dado que non todos os Estados membros estableceron os acordos bilaterais de solidariedade necesarios, a Comisión propón establecer normas por defecto. Con iso garantirase que calquera Estado membro que se enfronte a unha emerxencia reciba gas doutros a cambio dunha compensación equitativa. A obrigación de solidariedade ampliarase aos Estados membros non conectados con instalacións de GNL, sempre que o gas poida transportarse ao Estado membro onde sexa necesario. Para optimizar o uso das infraestruturas de GNL e dos gasodutos, a Comisión propón novas ferramentas para proporcionar información sobre a capacidade dispoñible, así como novos mecanismos para garantir que os operadores do mercado non reservan nin deixan sen utilizar a devandita capacidade. A Comisión tamén propón hoxe unha Recomendación do Consello relativa á protección das infraestruturas críticas á luz da presunta sabotaxe dos gasodutos Nord Stream 1 e 2.

Contexto

A Comisión estivo abordando a cuestión do aumento dos prezos da enerxía durante o último ano e os Estados membros puxeron en marcha numerosas medidas a escala nacional que a Comisión proporcionou a través do conxunto de medidas sobre os prezos da enerxía, adoptado en outubro de 2021.

A situación do mercado da enerxía empeorou considerablemente desde que Rusia invadiu Ucraína e empezou a utilizar os seus recursos enerxéticos como arma para chantaxear a Europa, o que exacerbou unha xa difícil situación de subministración tras a pandemia de COVID-19. Dado que Rusia seguiu manipulando a subministración de gas, suspendendo as entregas a Europa por razóns inxustificadas, houbo máis tensión e nerviosismo nos mercados. Por conseguinte, a Comisión ampliou o conxunto de medidas sobre os prezos da enerxía na primavera de 2022 coa Comunicación sobre as intervencións a curto prazo no mercado da enerxía e melloras a longo prazo na configuración do mercado da electricidade e o plan REPowerEU. A Comisión propuxo novas obrigacións de almacenamento mínimo de gas e obxectivos de redución da demanda de gas para facilitar o equilibrio entre a oferta e a demanda en Europa, e os Estados membros adoptaron rapidamente estas propostas antes do verán.

Os prezos seguiron aumentando nos meses de verán, marcados por condicións meteorolóxicas extremas causadas polo cambio climático. En particular, as secas e a calor extrema han tida un impacto na xeración de electricidade mediante enerxía hidroeléctrica e nuclear, reducindo aínda máis a subministración. Así pois, en setembro, a Comisión propuxo e os Estados membros acordaron medidas adicionais baseadas no artigo 122 do Tratado para reducir a demanda de electricidade e captar os beneficios inesperados do sector enerxético co fin de distribuír máis ingresos aos cidadáns e á industria. As propostas de hoxe complementan as medidas xa adoptadas e supoñen unha continuación do noso labor para facer fronte á situación excepcional dos mercados da enerxía mundiais e europeos. A Comisión tamén publicou hoxe a primeira parte do seu informe anual sobre o estado da Unión da Enerxía.

Máis información: Comisión Europea

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data