• O primeiro é un mecanismo de coinversión para empresas de nova creación e pemes e os segundos son fondos de desenvolvemento urbano que prestan apoio a proxectos  ustentables

Bruxelas, 11 de xullo de 2016. A Comisión Europea acaba de adoptar dous novos instrumentos financeiros “listos para o seu uso” para os investimentos dos Fondos EIE, a fin de facilitar o acceso ao financiamento ás empresas novas e aos promotores de proxectos de desenvolvemento urbano.

No período 2014-2020, a Comisión anima aos Estados membros a duplicar os seus investimentos en Fondos Estruturais e de Investimento Europeos (Fondos EIE) efectuadas a través de instrumentos financeiros, como préstamos, capital e garantías, en consonancia cos obxectivos do plan de investimentos.

A comisaria de Política Rexional Corina Crețu declarou: “Os instrumentos financeiros son unha forma eficaz de investir en novas ideas e empresas, así como no talento dos cidadáns da UE, reducindo a utilización de recursos públicos. O seu potencial para mobilizar capital privado é enorme e debería aproveitarse plenamente ao investir os Fondos EIE”.

Os instrumentos financeiros, que xa cumpren a normativa do Regulamento dos Fondos EIE e sobre axudas estatais, están concibidos para incrementar a aceptación, por parte dos Estados membros, das axudas financeiras rotatorias, en lugar das subvencións tradicionais, e para combinar recursos públicos e privados.

Xa existen tres instrumentos deste tipo. Por unha banda, un préstamo de risco compartido, baseado nunha repartición de riscos entre recursos públicos e privados, e un instrumento de garantía cun límite máximo, no que o financiamento público actúa como garantía fronte ao risco de falta de pagamento na carteira de préstamos dun banco. Ámbolos instrumentos teñen por obxectivo ofrecer ás pemes un mellor acceso ao financiamento. O terceiro instrumento é un préstamo para renovación, destinado a proxectos de eficiencia enerxética e enerxías renovables no sector dos edificios residenciais.

Ata 15 millóns de euros por peme

Hoxe, a Comisión pon en marcha dous novos instrumentos. O primeiro é un mecanismo de coinversión, que ofrece financiamento ás empresas de nova creación e ás pemes. Esta axuda permitiralles desenvolver os seus modelos de negocio e captar financiamento adicional a través dun sistema de investimento colectivo xestionado por un intermediario financeiro principal. O investimento total, combinando recursos públicos e privados, pode ser de ata 15 millóns de euros por peme. No período 2007-2013, un exemplo de mecanismo de coinversión foi SAS Jeremie, que utilizou recursos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) para captar capital privado e investir en pemes de alta tecnoloxía na rexión francesa de Languedoc-Rosellón.

Os fondos de desenvolvemento urbano prestan apoio a proxectos urbanos sustentables, por exemplo de transporte público, eficiencia enerxética ou rexeneración de zonas urbanas. Os proxectos deben ser financeiramente viables e estar incluídos nunha estratexia integrada de desenvolvemento urbano sustentable. O investimento total, combinando recursos públicos e privados, pode ser de ata 20 millóns de euros por proxecto. A axuda adoptará a forma dun fondo de préstamos xestionado por un intermediario financeiro con recursos dos Fondos EIE e cunha contribución de polo menos o 30 % de capital privado. Un fondo de desenvolvemento urbano deste tipo desenvolveuse en Pomorskie (Polonia) no período 2017-2013.

Antecedentes

En comparación coas subvencións, os instrumentos financeiros atraen máis recursos públicos e privados para complementar o financiamento público inicial, e poden reinvestirse en varios ciclos. O marco dos Fondos EIE para o período 2014-2020 ofrece máis flexibilidade, claridade e posibilidades de utilizar instrumentos financeiros.

En primeiro lugar, as posibilidades de utilización destes instrumentos ampliáronse a ámbitos de investimento como as axudas ás pemes, a eficiencia enerxética e a utilización eficiente dos recursos, as tecnoloxías dixitais, o transporte sustentable, a investigación e desenvolvemento, e a innovación.

O novo marco tamén introduciu estes novos instrumentos financeiros estandarizados “listos para o seu uso”, con condicións predefinidas e concibidos para a súa rápida implantación.

Prevese que no período 2014-2020 se usen máis de 20 000 millóns de euros dos Fondos EIE a través de instrumentos financeiros. A Comisión prestou axuda ás autoridades de xestión e a outras partes interesadas, en especial mediante a posta en marcha, en xaneiro de 2015, da plataforma “FI-compass”, en asociación co Banco Europeo de Investimentos. Esta plataforma ofrece información práctica e ferramentas de aprendizaxe sobre instrumentos financeiros.

Fonte: Comisión Europea