- Á
reunión na sede da Fundación acudiu Stefaan de Rynck, membro do equipo da
Comisión Europea para o Brexit, que expuxo as directrices da Comisión
durante as negociacións
- As
rexións periféricas e marítimas manifestaron as súas preocupacións pola
consecuencias da saída de Reino Unido da UE en sectores claves como a
pesca
- Galicia
participou na organización deste seminario como coordinadora dun Grupo de
Traballo específico sobre Brexit das rexións atlánticas da CRPM
Bruxelas, 9 de
xuño de 2017. A Fundación Galicia Europa acolleu este
mércores unha sesión da CRPM (Conferencia das Rexións Periféricas e Marítimas)
sobre o futuro de Europa centrada no Brexit. A oficina galega foi a sede do
evento en tanto que coordinadora dun Grupo de Traballo específico sobre o
impacto que terá o Brexit nas rexións da cornixa atlántica, e que ten como
obxectivo a redacción dun documento de posicionamento común de todas elas.
A reunión, na que interviñeron representantes das distintas
rexións membros da CRPM, contou coa participación de Stefaan de Rynck,
responsable de comunicación do equipo da Comisión Europea dedicada á cuestión
do Brexit. De Rynck expuxo durante unha hora a postura da UE cara ás
negociacións con Reino Unido, que se espera que dean comezo a semana do 19 de
xuño. A saber, estas directrices consisten en que os dereitos dos cidadáns e a
factura que Reino Unido debe pagar polos compromisos adquiridos serán os
primeiros puntos das negociacións. A postura da UE é clara: non haberá acordo
comercial con Reino Unido se non se revolven as cuestións financeiras e de
dereitos dos cidadáns.
De Rynck afirmou que a Comisión ten moi claro que, por
difícil que sexa de aceptar, Reino Unido será un terceiro país para a UE o 29
de marzo de 2019. Isto implica que non vai haber unha continuidade na relación
británico-europea, senón que camiñamos cara a unha ruptura que vai ter graves
consecuencias a ambos os dous lados da Canle; dicir o contrario sería mentir en
opinión da Comisión. Prepararnos para ese futuro complicado é o que teñen que
facer todos os actores implicados.
A cuestión dos dereitos dos cidadáns europeos residentes en
Reino Unido resulta de especial interese para a República de Irlanda, ao ter a
categoría especial de país con fronteira terrestre con Reino Unido. Unha
conselleira da súa Representación Permanente ante a UE participou na sesión
para explicar cal será a posición do seu país nas negociacións do Consello.
Preocupacións
das rexións do Arco Atlántico
Esta reunión supuxo tamén unha oportunidade para que as
rexións participantes puideran achegar as súas inquietudes aos convidados, que
estarán directamente implicados nas negociacións.
Como maior rexión pesqueira de Europa, a principal
preocupación derivada do Brexit para a nosa comunidade é a pesca. Galicia
aproveitou este encontro para pedir que a saída do Reino Unido non supoña o
peche dos caladoiros británicos ás nosas frotas. Ademais reclámase o mantemento
dunha estreita cooperación con Reino Unido en materias como educación e a
realización de proxectos conxuntos, de maneira que ambas as partes se
beneficien da cooperación mutua.
Posición común
das rexión atlánticas sobre o Brexit
As preocupacións das rexións do Arco Atlántico están a ser
recollidas por Galicia no marco do especial seguimento que a nosa comunidade
fai sobre as consecuencias da saída do Reino Unido da UE. Desde marzo, a
Fundación Galicia Europa coordina o Grupo de Traballo específico da Comisión
Arco Atlántico (unha das comisións xeográficas da CRPM) sobre o Brexit. Este grupo,
que comezou a funcionar o mesmo día da invocación do Brexit polo goberno
británico, ten como obxectivo último recoller as preocupacións das rexións para
que poidan ser tidas en conta polos negociadores ao longo de 2018, xa que para
outubro dese ano deberían concluír as negociacións sobre o Brexit. Esta defensa
dos intereses atlánticos materializarase nun documento de posición que expoña
as principais reivindicacións destas rexións de cara ás negociacións para a
saída de Reino Unido da UE.