Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » A Comisión Europea recoñece o software EMi destinado a potenciar oportunidades laborais da cidadanía a través do Servizo Público de Emprego galego

A Comisión Europea recoñece o software EMi destinado a potenciar oportunidades laborais da cidadanía a través do Servizo Público de Emprego galego

28/11/2024 | , , ,

— O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración recolleu en Bruxelas o premio do Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público a esta ferramenta que emprega IA e que está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia 

— Trátase dunha mención especial dentro dos premios aos mellores casos que concede esta entidade no marco da Asemblea GovTech Connect, unha plataforma na que líderes europeos dialogan sobre cuestións relacionadas coas tecnoloxías dixitais

Bruxelas, 28 de novembro de 2024. O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, recolleu este xoves en Bruxelas o premio que outorga Observatorio de Vixilancia Tecnolóxica do Sector Público da Comisión Europea á Xunta de Galicia polo desenvolvemento a ferramenta EMi, que está dispoñible nas 54 oficinas de emprego de Galicia. Este software enmárcase na modernización e mellora da eficacia que está levando a cabo o Goberno galego no Servizo Público de Emprego de Galicia e casa oferta e demanda laboral co apoio da intelixencia artificial co fin de mellorar as oportunidades laborais da cidadanía e a competitividade do tecido empresarial.

Trátase dunha mención especial dentro dos premios aos mellores casos que concede esta entidade no marco da Asemblea GovTech Connect: Aproveitando a innovación en Europa para os servicios públicos do mañá. Unha iniciativa que recoñece ás administracións públicas públicas e aos seus socios tecnolóxicos o uso innovador das tecnoloxías emerxentes, como a Intelixencia Artificial e a Blockchain, dentro do sector público de Europa.

Esta mención especial é a maiores das dúas categorías coas que conta o certame, unha na que se premia a mellor solución a nivel de eficiencia dentro das administracións públicas e outra na que se recoñece a mellor solución no ámbito dos servizos prestados aos cidadáns. Nesta edición, presentáronse un total de 32 casos, dos cales 14 foron preseleccionados tras unha avaliación previa. Deste xeito, dáse visibilidade ás boas prácticas do uso das novas tecnoloxías no sector público.

No caso de Galicia, o software EMi está dispoñible nas 54 Oficinas de Emprego de Galicia e facilita a conexión da oferta e demanda do mercado laboral en tempo real, co apoio da intelixencia artificial. A súa función principal é o perfilado competencial, co fin de facilitar aos orientadores laborais a toma de decisións para aumentar a empregabilidade dos galegos e galegas, contribuír á cobertura de vacantes laborais e a incrementar a competitividade do tecido empresarial.

 

Contexto

A Asemblea GovTech Connect é unha plataforma para que líderes europeos dialoguen sobre solucións aos desafíos que enfronta Europa e constrúan unha comunidade europea en materia de tecnoloxías dixitais. A deste xoves reunirá a funcionarios gobernamentais, emprendedores/as de nova creación, inversores, académicos e expertos para debater sobre tendencias, boas prácticas e retos neste ámbito e colaborar en solucións prácticas.

 

Fonte: A Comisión Europea recoñece a Xunta polo software EMi destinado a potenciar as oportunidades laborais da cidadanía a través do Servizo Público de Emprego (Xunta)
 
Máis información: A Xunta mostra en Bruxelas as súas medidas innovadoras recoñecidas pola Comisión Europea para potenciar a empregabilidade e o mercado laboral (Xunta)

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data