• O informe identifica dez ámbitos específicos relativos á xestión da pandemia nos que se pode mellorar a nivel europeo.
  • A principal lección aprendida da crise é a necesidade de transformar as medidas de emerxencia utilizadas en estruturas permanentes para estar mellor preparados para o futuro.
  • En particular, o informe subliña a importancia de garantir unha resposta sanitaria máis eficaz de cara a futuras crises, polo que acentúa a posta en marcha da Unión Europea da Saúde.
Bruxelas, 30 de xuño de 2021. A Comisión Europea vén de presentar unha Comunicación sobre as primeiras leccións aprendidas durante estes dezaoito meses de pandemia de COVID-19, as cales servirán para mellorar as actuacións a escala nacional e da UE. Isto axudará a anticipar mellor os riscos para a saúde pública e a mellorar a planificación de continxencias, de modo que as respostas conxuntas sexan máis rápidas e máis eficaces a todos os niveis.
Trátase de dez leccións centradas en aspectos que é imprescindible perfeccionar e outros que admiten melloras no futuro. Non son melloras exhaustivas, senón unha primeira instantánea do que a UE debe facer en beneficio de todos os europeos:
  1. Para lograr unha detección máis rápida e mellores respostas, é necesario establecer unha sólida vixilancia sanitaria a nivel mundial e un sistema europeo mellorado de recompilación de información sobre pandemias. A UE debe liderar os esforzos por deseñar un novo sistema de vixilancia mundial sólido baseado en datos comparables. En 2021 poñerase en marcha un sistema europeo de recompilación de información sobre pandemias novo e mellorado.
  2. Un asesoramento científico máis claro e coordinado facilitaría a comunicación pública e as decisións en materia de actuación. Para finais de 2021, a UE debería nomear a un responsable europeo de epidemioloxía e establecer a estrutura de  gobernanza correspondente.
  3. Unha maior preparación require investimentos, controis e revisións constantes. A Comisión Europea debe elaborar anualmente un informe sobre o grao de preparación.
  4. As ferramentas de emerxencia deben estar dispoñibles máis rapidamente e ser máis fáciles de activar. A UE debe establecer un marco para a activación dun estado de excepción por pandemia a nivel da UE, así como un conxunto de ferramentas para situacións de crises.
  5. As medidas coordinadas deben converterse nun acto reflicto para Europa. A Unión Europea da Saúde debe adoptarse rapidamente, antes de finais de ano, e é imprescindible reforzar a coordinación e os métodos de traballo entre as institucións.
  6. Para garantir o fluxo de equipos e medicamentos críticos, necesitamos asociacións público-privadas e cadeas de subministración máis sólidas. A principios de 2022, como moi tarde, debería estar operativa unha Autoridade Europea de Preparación e Resposta a Emerxencias Sanitarias (HERA); así mesmo, debería crearse un proxecto importante de interese común europeo en materia de saúde canto antes a fin de lograr unha innovación de vangarda en materia de medicamentos. A reserva EU FAB debe garantir que a UE teña unha capacidade activable en calquera momento suficiente para producir entre 500 e 700 millóns de doses de vacinas ao ano, e que a metade de tales doses estean listas no primeiros seis meses da pandemia.
  7. Para que a investigación clínica sexa máis rápida, máis ampla e máis eficaz, é esencial contar cun enfoque paneuropeo. Debese crear unha plataforma da UE a gran escala para ensaios clínicos multicéntricos.
  8. A capacidade para facer fronte a unha pandemia depende da existencia de investimentos continuos e crecentes nos sistemas sanitarios. É necesario apoiar aos Estados membros para que, no marco dos seus investimentos en recuperación e  resiliencia, aumenten a  resiliencia xeral dos sistemas de asistencia sanitaria.
  9. Para Europa, a prevención, preparación e resposta fronte a pandemias é unha prioridade global. A UE debe seguir liderando a resposta mundial, en particular a través do Mecanismo COVAX, e continuar a mellora da arquitectura mundial de seguridade sanitaria protagonizando o reforzo da Organización Mundial da Saúde. Tamén deben establecerse asociacións de preparación fronte a pandemias con socios crave.
  10. Ha de desenvolverse un enfoque máis coordinado e sofisticado para combater a mala información e a desinformación.
Próximos pasos
Este informe sobre as primeiras leccións aprendidas da pandemia de COVID-19 presentarase ao Parlamento Europeo e ao Consello da Unión Europea e, no segundo semestre de 2021, a Comisión realizará un seguimento dos resultados concretos obtidos.
 
Contexto
Desde o momento en que comezou a crise, a UE comezou a desenvolver unha ampla gama de respostas en materia de política sanitaria, que se manifestou, por exemplo, no enfoque común en materia de vacinas adoptado mediante a Estratexia de Vacinas da UE e en iniciativas adoptadas noutras políticas. A iniciativa dos corredores verdes permitiu que se mantivese o fluxo de alimentos e medicamentos en todo o mercado interior. O enfoque común á hora de avaliar as taxas de infección en diferentes rexións fixo que as probas e a corentena fosen moito máis uniformes. E máis recentemente, acordáronse e aplicaron en tempo récord os Certificados COVID Dixitais da UE, achandando así o camiño para a continuación segura do turismo e das viaxes desde este mesmo verán. Ao mesmo tempo, a UE tomou medidas decisivas para abordar as consecuencias económicas da pandemia, baseándose en gran medida na experiencia e as disposicións adoptadas para facer fronte a retos e crises anteriores en materia económica e financeira.
Con todo, estes éxitos non ocultan as dificultades que se tiveron que afrontar, especialmente polo que se refire ao aumento das capacidades de fabricación e produción, debido en parte a que non existía un enfoque integrado permanente en materia de investigación, desenvolvemento e produción, o que retardou a dispoñibilidade inicial de vacinas. Aínda que xa se abordou esta cuestión, necesítanse solucións a máis longo prazo a fin de mitigar acontecementos negativos ou crises en materia de saúde no futuro.
Máis información: